Illa recoñece "risco serio" para as comunidades limítrofes a Madrid, mais non fecha a capital

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediu este sábado á Comunidade de Madrid "revisar as súas decisións e escoitar a ciencia" á hora de xestionar a pandemia do coronavirus. "Hai un risco serio para os seus habitantes e os das comunidades limítrofes", dixo, a pesar de que a rexión siga sen fecharse. 
O ministro Salvador Illa insta o Goberno de Madrid a escoitar a ciencia
photo_camera O ministro Salvador Illa insta o Goberno de Madrid a escoitar a ciencia

"Hai que ver os datos da Comunidade de Madrid, cando digo que está en risco a saúde dos seus cidadáns, dígoo porque é así", afirmou o ministro español de Sanidade, Salvador Illa, este sábado 26 de setembro.

O ministro insistiu en que o pide "desde a máxima lealdade institucional", en declaracións aos xornalistas na Delegación do Goberno en Catalunya, tras unha reunión telemática de seguimento da pandemia coa equipa do Ministerio.

"Isto non é unha batalla ideolóxica; é unha batalla epidemiolóxica contra o virus", dixo Illa, e engadiu que Madrid debe seguir os consellos da comunidade científica tal como asegura que está a facer o Ministerio e emprazou á presidenta rexional, Isabel Díaz Ayuso, a estender as restrición sobre toda a Comunidade.

Ao preguntárselle sobre se o Executivo español debía tomar o control da Comunidade de Madrid na xestión da pandemia e decretar un estado de alarma que restrinxa a mobilidade e saídas de Madrid, mesmo sen acordo co Goberno de Ayuso, o ministro respondeu que o que vai facer é "concentrar todos os esforzos para loitar contra o virus" e remitiuse a apelar o Executivo autonómico a aplicar as recomendacións do Ministerio en todo o territorio madrileño.

Insistiu en que "hai que tomar o control da pandemia en Madrid. Noutras comunidades autónomas fíxose", e asegurou que o Goberno tivo a mesma actitude con todas elas.

"Deixemos a política nun segundo plano, vaiamos primeiro a antepor a saúde dos cidadáns", concluíu Illa, que sostén que hai que tomar medidas observando o conxunto de indicadores e actuar en proporción a eles.

O alcalde madrileño cualifica as críticas de “enredos”

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, acusou este sábado o ministro de Sanidade, Salvador Illa, de "enredar" ao "mandar unha mensaxe de confusión aos cidadáns" de Madrid ao comparecer onte en rolda de prensa ao mesmo tempo que a Comunidade explicaba as novas restricións adoptadas na rexión.

"Non hai que enredar, porque á marxe de que o Goberno español entenda que non son as medidas adecuadas, non é a mellor imaxe para os cidadáns que cando a Comunidade de Madrid transmite esas medidas como autoridade sanitaria, haxa unha rolda de prensa simultánea", afeou o rexedor. Martínez-Almeida deixou claro que o Concello de Madrid "apoiará sempre o que decidan as autoridades sanitarias" e defende que a Comunidade "actuou de maneira coherente".

Ademais, reprochou ao Ministerio de Sanidade que esta pasada terza feira apoiase as medidas "e que descartaba unha situación de confinamento en toda a cidade, e dous días despois diga o contrario". Neste sentido, pediu "que se xustifique ese cambio de criterio".

Comentarios