Salvador Illa advirte que veñen semanas duras para Madrid mais descarta, polo de agora, confinar

78% da poboación considera que a pandemia está fóra de control no Estado español
Traballador sanitario nunha unidade UCI madrileña, nunha foto de arquivo, no pasado pico da pandemia (Imaxe:  Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Traballador sanitario nunha unidade UCI madrileña, nunha foto de arquivo, no pasado pico da pandemia (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro español de Sanidade, Salvador Illa, avisou esta quinta feira, 24 de setembro, de que van vir "semanas duras" para a Comunidade de Madrid, rexión que conta actualmente co maior número de contaxios do coronavirus no Estado, e pediu actuar con "determinación" para tomar o control da pandemia.

Illa pronunciouse así ao rematar a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e antes de asistir á reunión do 'Grupo Covid-19', integrado por representantes do Goberno estatal e do madrileño para analizar a situación na capital.

Con todo, o Executivo rexional quere evitar por todos os medios pedir a declaración dun estado de alarma nin estabelecer un confinamento na comunidade. Esta sería para a presidenta autonómica, a popular Isabel Díaz Ayuso, a "última opción", antepondo así o interese económico ás recomendacións das e dos científicos que se amosan favorábeis a bloquear a mobilidade en toda a capital perante a transmisión comunitaria descontrolada que a azouta. 

Pola súa banda, Illa, que recomendou nos últimos días á cidadanía de todo Madrid reducir a mobilidade e ficar na casa, descartou nunha entrevista en eldiario.es a necesidade de implantar un confinamento obrigatorio na comunidade, confiando na eficacia das medidas que se están a aplicar. 

Mentres, o virus avanza e até  10.653 persoas están infectadas pola Covid-19 no Estado, segundo os datos fornecidos esta quinta feira, 24 de setembro, polo Ministerio de Sanidade. Delas, 3.471 detectáronse nas últimas 24 horas (o dato non contempla os contaxios en Andalucía "por incidencias técnicas" na comunidade). A terceira parte dos novos casos diagnosticados sitúase en Madrid, que continúa a ser epicentro do virus, a pesar de que só algúns distritos teñen limitacións de mobilidade. 

A pandemia en España, fóra de control

78% da poboación considera que a pandemia está fóra de control no Estado español, segundo se desprende do estudo Essentials. Esta cifra sitúa España como a a máis pesimista, só por detrás dos Estados Unidos de América (82%), e por diante do resto de países europeos onde a situación se ve máis controlada. En concreto, no Reino Unido percíbese 58% de descontrol, en Italia 56%, en Francia 46% e en Alemaña, 35%.

A posíbel futura volta á normalidade, as e os cidadáns do Estado español sitúana cada vez máis lonxe. En concreto, 58% das e dos enquisados non cre que se vaia producir antes dun ano ou máis. Ademais, 42% declara temer polo seu emprego e 68% móstrase preocupado ou moi preocupado ante a posibilidade de poder pagar as facturas o próximo mes.

Comentarios