"Igualdade, dignidade e respecto", metas afastadas para o traballador inmigrante

O traballo realizado por persoas inmigrantes ten un importante peso a nivel mundial, especialmente en sectores que provén produtos e servizos esenciais; tamén en industrias golpeadas pola pandemia. Porén, habitualmente están sometidos a condicións laborais de explotación que poñen en perigo a súa saúde, a súa vida. 
migrants_nepal_onu-oit
photo_camera Solicitantes dun visado no Centro de Recursos de Migración do Nepal para traballar no estranxeiro (Marcel Crozet / OIT)

"Todos os traballadores deberían ser tratados con igualdade, dignidade e respecto, independentemente do seu sexo ou status migratorio"; "Os negocios deben exercitar o seu deber de coidar e respectar os dereitos humanos e satisfacer as necesidades básicas de todos os empregados"; e "A saúde, o benestar e a seguridade de todos os empregados, incluídos os traballadores inmigrantes, deberían ser sempre unha prioridade para as empresas, en particular durante a crise de saúde pola Covid-19".

Son estes tres os principios xerais, que aínda que obvios, encabezan a nova guía elaborada conxuntamente pola Organización Internacional para as Migracións (OIM) e pola Cámara de Comercio Internacional (CCI) co fin de protexer os traballadores inmigrantes durante a pandemia de coronavirus. Os abusos prodúcense en todo o mundo, tamén nas rexións do planeta máis avanzadas.

Recentemente coñeceuse a morte na rexión de Murcia, en España, de Eleazar Blandón, cidadán nicaraguano solicitante de asilo por un golpe de calor tras 11 horas de traballo a 44 grados e despois de ser abandonado nun ambulatorio.

Tamén na UE, en Alemaña, os sindicatos levan tempo denunciando casos de inmigrantes que cobran menos que os nacionais, viven amoreados en barracóns e reciben comida en mal estado. En xuño, detectáronse miles de casos da Covid-19 entre os traballadores dun matadoiro do centro do país: a maioría, inmigrantes. 

E nos EUA e na China, as outras dúas maiores potencias económicas do mundo, a violación dos dereitos dos traballadores inmigrantes é corrente.

Traballadores esenciais

Segundo datos da OIM, 3,5% de toda a poboación mundial traballa fóra do seu país. O seu peso aumenta por sectores; a maioría son operarios en grandes, medianas e pequenas empresas que provén produtos e servizos esenciais; tamén en industrias golpeadas pola pandemia.

No caso concreto da UE, de acordo a un recente estudo elaborado por Francesco Fasani, da Escola de Finanzas da Universidade Queen Mary de Londres, 31% dos traballadores da UE operan en servizos esenciais.

Destes, 13% son inmigrantes, se ben as diferenzas son grandes entre Estados membros: mentres que nos do Leste como Romanía, Bulgaria, Polonia ou Eslovaquia ─que son migrantes internos na UE─ a porcentaxe aproxímase a cero, en Italia, Suecia ou Austria chega a 20%, e en países como Irlanda até 26%. Ademais, nos Estados do Sur ─Portugal, España, Italia ou Grecia─ o seu nivel educativo é máis baixo. 

Fasani identifica cinco grandes categorías de traballadores esenciais na UE: profesionais da ensinanza, do agro, da ciencia e da enxeñaría, dos coidados persoais e da limpeza. Os empregos que requiren de menor cualificación é onde maior número de inmigrantes traballan. É dicir, de acordo ás súas conclusións, o funcionamento da UE depende en boa medida destas persoas.

Segundo salienta a guía publicada esta semana pola OIM e pola CCI, os inmigrantes son os traballadores máis susceptíbeis a perderen o emprego, a veren recortado o salario e a padeceren problemas relacionados coa saúde e a seguridade. Circunstancia que se agrava no actual panorama de pandemia. Ademais, engade que as barreiras culturais e lingüísticas, así como careceren das redes de apoio familiar e, en moitos casos, de protección social empeoran a situación. Moitos tamén sofren discriminación.

Apoio do empresario

A guía agrúpase en cinco apartados: saúde física e mental; condicións de vida e laborais; apoio económico; contratación ética; e transparencia na cadea de subministración. Neles detalla unha serie de medidas que os empresarios deberían levar a cabo, como asegurar o acceso aos servizos sanitarios e mitigar a ansiedade relacionada coa Covid-19, estabelecendo unha comunicación constante e facilitando servizos de tradución.

Tamén, para loitar contra a xenofobia e a súa exclusión social ou para asegurar que reciben un apoio económico durante as paradas na produción. Dereitos básicos que, porén, distan moito de se cumprir na maioría dos países do mundo. Tamén na UE. 

As remesas, ingreso vital nos países de orixe

O impacto da pandemia nos traballadores inmigrantes non afecta só ao propio traballador, senón tamén á súa familia e a súa comunidade dada a dependencia económica existente na maioría dos casos.

Tamén sofren as economías dos países de orixe, especialmente aqueles máis pobres, que teñen nas remesas unha importante fonte de ingresos. Esta secou nos últimos meses por causa da parada forzada na industria e nos negocios consecuencia dos confinamentos. Calcúlase que en 2020 a caída será de 110.000 millóns de dólares, sobre 20%.

O envío de remesas a estes países con ingresos baixos ou medios é maior que o investimento directo estranxeiro ou que as axudas ao desenvolvemento. Neste sentido, desde a OIM e a CCI solicitan aos Gobernos e ás empresas de envío de diñeiro que reduzan os custos das transferencias mentres dure a pandemia.

Comentarios