Gütersloh, confinado tras o contaxio de 1.300 operarios

2020062314273062447
photo_camera O primeiro ministro Armin Laschet, coa Policía despregada na zona (Europa Press)

As autoridades do Estado de Renania do Norte-Westfalia decidiron impor medidas de confinamento no distrito de Gütersloh, situado no oeste de Alemaña e onde se encontra emprazado o matadoiro do grupo Tönnies onde se detectou un brote con máis de 1.300 traballadores contaxiados con coronavirus.

O primeiro ministro de Renania do Norte-Westfalia, Armin Laschet, anunciou a imposición das medidas de confinamento tal e como avanzou o despregue de centos de axentes da Policía para garantir o cumprimento das restricións impostas aos máis de 6.000 traballadores desa planta cárnica. Os axentes tamén darán axuda humanitaria á cidadanía.

Laschet  que se enviarán intérpretes polacos, romaneses e búlgaros á zona. Moitos dos empregados do matadoiro son cidadáns de Europa do Leste.

Desde a súa conta de Twitter,  o mandatario dixo que o confinamento xa se puxera "en marcha" en Güterslohe. Isto implica o feche de colexios e gardarías.

As medidas inclúen unha corentena para todos os traballadores do matadoiro de Tönnies e para as persoas "non contaxiadas" que estiveron en contacto cos profesionais da planta cárnica. O Instituto Robert Koch, a axencia gobernamental alemá encargada do seguimento de enfermidades infecciosas, despregou persoal no distrito para vixiar o brote e dar recomendacións.

O confinamento en Güterslohe  chega despois de as autoridades rexionais desbotaren a medida o pasado domingo tras unha visita do primeiro ministro ao matadoiro afectado polo brote.

503 novos casos

A pandemia do novo coronavirus deixou nas últimas 24 horas en Alemaña 503 novos casos e dez mortes, fronte aos 537 contaxios e tres falecidos contabilizados a véspera, segundo o balance publicado onte polo Instituto Robert Koch.

O balance actualizado é de 190.862 positivos pola COVID-19 e 8.895 vítimas mortais. Do total de casos, 175.700 corresponden a pacientes que se recuperaron, despois de recibiren a alta 400 persoas enfermas desde o balance anterior.

Máis da metade dos casos confirmados corresponden a tres Estados: Baviera (47.894, con 2.571 falecidos), Renania do Norte-Westfalia (41.418, con 1.665 falecidos) e Baden-Wurtemberg (35.365, con 1.826 falecidos). A capital, Berlín, rexistra 7.916 casos e 211 mortes.

Comentarios