Iglesias denuncia ante a Policía as ameazas despois de que Vox as puxera en dúbida

As mensaxes de apoio ao candidato de Unidas Podemos á Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias, así como ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e á directora xeral da Garda Civil, María Gámez, chegaron desde distintos partidos. Algúns instaron á cidadanía a "parar o fascismo".
O candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, fala da misiva de ameazas. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, fala da misiva ameazante. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O candidato de Unidas Podemos a presidir a Comunidade de Madrid e ex vicepresidente do Goberno do Estado español, Pablo Iglesias, presentouse esta sexta feira ante a Policía para denunciar as ameazas de morte recibidas onte a través dunha misiva que contiña balas.

O sucedido non tardou en provocar numerosas reaccións desde distintos grupos, que van desde os que poñen en dúbida a veracidade da carta como Vox até os que a condenan “sen paliativos”.

A xornada após recibir as ameazas estivo marcada no político polas acusacións de Vox sobre o líder de Unidas Podemos na comunidade madrileña, Pablo Iglesias, que falou dunha estratexia da dereita máis radical para ir cara “a deshumanización, que é o calco do que facían os nazis nos anos 30” ao ver que o partido opositor non condenaba as ameazas que sufriu.

“Acabáronse os debates contra a ultradereita, dado que os demócratas non poden lexitimala; non se pode consentir o que está a pasar, demasiada impunidade...”, reflexionou molesto após marchar dun encontro de corte electoral organizado pola Cadena Ser.

Así se pronunciou xa na rúa, pois decidiu atender a proposta da cabeza de lista de Vox en Madrid, Rocío Monasteiro, que pediu que se marchara intentando pór en dúbida as ameazas de morte.

Malia esas reticencias, o certo é que na carta que chegou ao Ministerio do Interior había catro balas de gran calibre. Na nota adxunta podíase ler: “Pablo Iglesias Turrión deixaches morrer aos nosos pais e avós. A túa muller, os teus pais e ti estades sentenciados á pena capital. O teu tempo esgótase”.

Sen tolerancia

En consecuencia e a diferencia do sucedido con Vox, as mostras de apoio a Iglesias non deixaron de aparecer. A vicepresidenta terceira no Executivo do Estado español, Yolanda Díaz -que é a sucesora do político como líder do partido dentro da equipa de Pedro Sánchez- advertiu de que non se poden “tolerar nin normalizar ameazas, nin violencia verbal no debate político”.

Pero para Monasterio o importante é saber quen mandou as cartas. Despois do choque con Iglesias, Vox anunciou que sería acusación popular no caso, pero con diversos ataques ao que fora vicepresidente.

Pola súa parte, a vicepresidenta xeral do PSOE e voceira no Congreso, Adriana Lastra, pediu a madrileñas e madrileños que o 4 de maio voten “en lexítima defensa” para evitar un goberno de coalición entre PP e Vox porque “alimentan o discurso do odio”. 

Como os obxectivos das cartas tamén eran outros -o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e a directora xeral da Garda Civil, María Gámez-, a socialista aludiu a que esas balas viñeron “porque as palabras non son inocuas”. “Está en risco a democracia”, sostivo.

Mensaxes de unha e outra cor política

A ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, uniuse á condena “sen paliativos” das cartas. “En democracia non caben os titubeos cando se trata de defender a integridade física e a vida dos nosos cidadáns”, resumiu.

En paralelo, a portavoz da dirección fedaral de IU, Sira Rego, transmitía o “total respaldo e solidariedade” con Pablo Iglesias. “Parar o fascismo é unha tarefa fundamental para todas as persoas que somos demócratas”, subliñou.

Desde a Galiza sumáronse á condena outras personalidades políticas como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que mandou o seu apoio aos destinatarios das ameazas.

Comentarios