Feixoo apoia Vox logo dos incidentes en Madrid: "Fascistas son os que tiran pedras"

Afirma estar sorprendido de que os antifascistas "non se dean conta de que os fascistas son eles"
feixoo

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feixoo, mostrou o seu rexeitamento aos incidentes rexistrados durante a precampaña das eleccións madrileñas en actos de Vox e mostrou o seu respaldo á organización de Santiago Abascal. "Os fascistas son os que tiran perdas, non os que dan mitins solicitando un voto democrático; é xusto ao revés", sinalou.

Así se pronunciou a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde cualificou de "fascistas" ás persoas "que interrompen un acto político e mesmo tentan agredir tirando pedras", en referencia aos incidentes rexistrados a pasada semana nun acto organizado por Vox no madrileño barrio de Vallecas.

"Iso é o que se parece máis ao fascismo", engadiu Feixoo, que di estar soprendido de que estas persoas "non se dean conta de que os fascistas son eles", á vez que tachou de "decepcionante" que "40 anos despois" da transición desde a ditadura de Francisco Franco continúe este debate aberto.

"Isto non lle ocorre á maioría dos países", continuou o presidente do PP galego, que, a continuación, acusou de non ter "nin idea do que están a falar" ás persoas que se sitúan deste xeito, posto que "non naceran" ou "non tiñan uso de razón" durante os anos de ditadura como "a maioría dos políticos" na actualidade.

"Un pouco de respecto pola historia e pola verdade. Con independencia de que cada un interprete a historia e teña a súa propia verdade", resolveu Feijóo.

Comentarios