venres 17.01.2020

Hungría fará un referendo sobre o reasentamento de persoas refuxiadas

Terá lugar o 2 de outubro e a pregunta será: 'desexa que a UE teña dereito a estabelecer de forma obrigada a chegada de cidadáns non húngaros a Hungría sen o consentimento do Parlamento?'. 

refuxiadas
refuxiadas

O presidente húngaro, Janes Ader, anunciou esta terza feira (5 de xullo) a convocatoria dun referendo o 2 de outubro a respeito do acollemento de persoas refuxiadas de acordo coas cotas aprobadas no seo da UE. No concreto, a pregunta que se formulará á poboación é: 'desexa que a UE teña dereito a estabelecer de forma obrigada a chegada de cidadáns non húngaros a Hungría sen o consentimento do Parlamento?'. 

O goberno húngaro é un dos máis belixerantes co sistema de reparto de persoas refuxiadas aprobado polos Estados membros da UE e mediante o cal se estabelece un sistema de cotas que obriga os países a reasentar poboación nos seus territorios e que foi asinado polo Consello Europeo o 20 de xullo de 2015. 

Das 22.504 persoas comprometidas en xullo de 2015, a UE só reasentou 7.272 refuxiadas

Segundo o cuarto informe elaborado pola Comisión europea, con data do 10 de xuño de 2016, Hungría non recibiu ningunha persoa, como tampouco fixera con anterioridade. De facto, das 22.504 persoas que debían ter sido reubicadas desde xullo do pasado ano xunto con aqueloutras após a entrada en vigor do acordo un por un con Turquía, a UE unicamente reasentou 7.272, principalmente entre Reino Unido, Austria e Noruega. O Estado español, ningunha. 

De igual maneira, o goberno húngaro foi dos principais opositores ao réxime de sancións fixado pola UE para aqueles estados que rexeiten dar acollemento a persoas refuxiadas. Un mecanismo criticado tamén por situar o prezo dunha persoa en 250 mil euros

A decisión de Hungría, que votará o 2 de outubro, podería ser máis un golpe ao proceso de integración europea após o triunfo do Brexit en Reino Unido. 

comentarios