A guerra en Ucraína, en directo, este 9 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.
Poboación ucraína colle o tren en Lviv para cruzar a fronteira. (Foto: Carol Guzy/ZUMA Press Wire/dpa)
photo_camera Poboación ucraína colle o tren en Lviv para cruzar a fronteira. (Foto: Carol Guzy/ZUMA Press Wire/dpa)

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

21.45 | A guerra en Ucraína agrava a crise enerxética que sofre a UE

Bruxelas publicou na terza feira un plan sobre como reducir a dependencia da UE das importacións de gas do seu principal provedor, Rusia, en resposta á invasión de Ucraína. Unha guerra que vén a agravar a crise enerxética que se vive nos países do club comunitario, dentro ademais do marco da emerxencia climática que vive o Planeta, provocada polo uso masivo de combustíbeis fósiles.

20.50 | As autoridades rusas denuncian un ataque en Chernóbil

Segundo vén de informar a axencia rusa Sputnik, o viceministro de Defensa ruso, Nikolái Pankov, acusa "nacionalistas ucraínos" de ter executado un ataque contra a central nuclear de Chernóbil: "Debo destacar con gran pesar que os nacionalistas ucraínos realizaron unha nova provocación, e moi perigosa: atacaron a subcentral e as liñas eléctricas que alimentan a central nuclear de Chernóbil".

20.15 | Rusia inclúe 48 países na súa 'lista negra'

O Goberno de Vladímir Putin vén de facer pública, segundo informou a axencia rusa Interfax, a 'lista negra' de países que considera "hostís" para a Federación Rusa. Aliás, a UE inclúe na súa propia 'lista negra' máis de 800 dirixentes rusos "implicados na invasión de Ucraína".

19.40 | A UE non ve risco de desabastecemento de alimentos, mais si de alza de prezos

Persoas expertas dos Vinte e sete países que conforman a Unión Europea (UE) reuníronse esta cuarta feira para analizar os problemas de abastecemento e a suba xeneralizada de prezos que se están a producir nas últimas datas por mor da guerra en Ucraína. Ao remate da xuntanza, indicaron que, se ben "non hai risco de desabastecemento alimentario", si se producirá unha suba dos prezos "ao longo da cadea de subministro".

18.40 | Ascenden a 500 os civís mortos

Segundo un reconto que vén de facer público a ONU, desde o inicio da ofensiva militar de Rusia en Ucraína faleceron máis de 500 civís, malia que a cifra real sería "considerabelmente maior". En concreto, o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos fala de, cando menos, 516 persoas falecidas, entre elas 37 nenos e nenas. Aliás, dos 908 civís feridos, medio centenar foron identificados como menores de idade.

17.22 | China volve culpar os EUA da guerra en Ucraína

O portavoz do Ministerio de Exteriores da China, Zhao Lijian, acusou esta cuarta feira os EUA de ser o responsábel da guerra en Ucraína. "O que a OTAN, liderada polos EUA, fixo é o que gradualmente levou ao conflito entre Rusia e Ucraína ao límite", dixo, ao tempo que criticou o paquete de sancións aprobado polos EUA e máis a Unión Europea: "As sancións nunca foron unha maneira efectiva de resolver os problemas, China oponse firmemente a calquera forma de sancións unilaterais", apuntou.

17.15 | Os bombardeos rusos destrozan o hospital materno de Mariupol

As autoridades ucraínas denunciaron esta cuarta feira que o Exército ruso bombardeou varias instalacións médicas na cidade de Mariupol, no sureste do país, entre as que se atoparía o hospital de maternidade. "Hai xente, nenos, baixo os cascallos. Canto tempo máis seguirá o mundo sendo cómplice e ignorando o terror? Declarade agora mesmo a zona de exclusión aérea e detede a matanza! Tedes o poder, mais semella que estades perdendo humanidade", dixo, a través de Twitter, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski. O Goberno ruso, pola súa parte, aínda non se pronunciou ao respecto.

15.55 | Kiev pide un alto o fogo para facer reparacións en Chernóbil

O ministro de Exteriores de Ucraína, Dmitro Kuleba, instou esta cuarta feira a través do seu perfil en Twitter á comunidade internacional a exixir a Rusia un "alto o fogo" para restabelecer o subministro de electricidade na central nuclear de Chernóbil, que fica baixo control ruso. "Os xeradores diésel de reserva teñen unha capacidade de 48 horas para alimentar a central nuclear de Chernóbil. Despois diso, os sistemas de refrixeración da instalación de almacenamento de combustíbel nuclear pararán, facendo que as fugas de radiación sexan inminentes. A guerra bárbara de Putin pon en perigo toda Europa. Deben paralo inmediatamente!", dixo.

14.23 | O Goberno dos Estados Unidos recoñece a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" en Ucraína

A subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos Estados Unidos (EUA), Victoria J. Nuland, recoñeceu na última sesión do Senado a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" situadas en solo ucraíno.

13.00 | Volodimir Zelenski e Pedro Sánchez manteñen unha conversa telefónica para reforzar o "apoio a Ucraína e ao pobo ucraíno"

Os presidentes de Ucraína e o Estado español, Volodimir Zelenski e Pedro Sánchez, fixeron pública nas súas contas de Twitter unha conversa telefónica ao longo desta mañá na que o presidente español trasladou o apoio do Estado español e "dos nosos socios da Unión Europea" a "Ucraína e o pobo ucraíno nestes momentos tan difíciles".

Pola súa banda, Zelenski agradeceu a "solidariedade do Estado español con Ucraína, e afrimou que conversaron sobre o "futuro en común", en relación á posibilidade de que Ucraína faga parte da Unión Europea nun futuro próximo.

11.53 | A UE e os países do norte de Europa suspenden a cooperación con Rusia no Ártico

 A Unión Europea (UE) e Finlandia, Dinamarca, Islandia, Noruega e Suecia anunciaron de xeito conxunto que suspende a cooperación con Rusia na rexión do Euroártico e do mar de Barents debido á "violación flagrante do dereito internacional por parte de Rusia", en relación a súa ofensiva militar contra as principais cidades ucraínas.

10.49 | Zelenski: "50 crianzas ucraínas morreron en 13 días de guerra"

O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, dirixiuse como cada día á poboación do país que aínda segue nas cidades bombardeadas polo exército ruso, para facer o parte diario de vítimas. Segundo afirmou Zelenski, "50 crianzas ucraínas morreron en 13 días de guerra". "Non perdoarei isto, xamais", asegurou o dirixente ucraíno, quen nesta mañá dirixiuse ao Parlamento inglés para insistir na intervención da comunidade internacional. No seu discurso, Zelenski parafraseou un discurso do primeiro ministro británico durante a II Guerra Mundial, Winston Churchill, no que chamaba a loitar en todos lados contra o inimigo, mesmo nas cidades ou no inferno.

9.25 | "Máis de 12.000" baixas de soldados rusos desde o comezo da ofensiva, segundo o Goberno Ucraíno

O Estado Maior do Exército Ucraíno vén de facer público un parte de guerra no seu Facebook, no que detalla que os soldados ucraínos provocaron "máis de 12.000" baixas no exército da Federación Rusa.

Asemade, tamén detalla ter derribado ou destruído 482 vehículos, 317 carros de combate, 120 sistemas de artillería, 81 helicópteros, 60 tanques de combustible, 49 aviones, 28 sistemas antiaéreos, sete drons e tres embarcacións. 

8.14 | O Ministerio de Defensa ruso publica un suposto documento do Goberno de Ucraína que detalla unha "ofensiva no Donbás" para marzo de 2022

O medio dixital Russia Today fíxose eco da publicación de supostos documentos do Goberno ucraíno de Kíiv por parte do Ministerio de Defensa da Federación Rusa, que "confirman a preparación dunha ofensiva no Donbás en marzo de 2022. Segundo o portavoz do Ministerio de Defensa, Igor Konashénkov, o documento estaba dirixido a diferentes departamentos territoriais da Garda Nacional ucraína na zona norte de Kíiv, o sur de de Odesa e o leste do país.

Explicou tamén que a orde, que data do 22 de xaneiro, trataba "sobre a organización da preparación do grupo táctico do batallón da 4ª brigada operativa de tarefas de realización de tarefas de combate (especiais) na operación das forzas conxuntas como parte da brigada das Forzas Armadas de Ucraína".

Comentarios