O gas ruso e alxerino guían a alza da factura da luz na UE

Hungría ou Polonia, onde a industria do carbón ten grande importancia, ven nas políticas de transición ecolóxica da UE a causa da suba do prezo da luz. Bruxelas sostén todo o contrario: cómpre acelerar o proceso para poder fuxir da dependencia enerxética de terceiros países e das consecuencias da súa xeoestratexia.
EuropaPress_3917402_handout_06_september_2021_---_specialists_on_the_pipe-laying_vessel_fortuna
photo_camera Instalación do último tramo do Nord Stream 2, o 6 de setembro (Foto: Nord Stream 2 / dpa)

A Comisión Europea presentará un paquete de medidas a semana vindeira co fin de mitigar a actual escalada nos prezos da enerxía, segundo informou a comisaria de Enerxía, Kadri Simson, durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo desenvolvida onte. Entres estas estarán o apoio específico aos consumidores ou a redución de impostos á enerxía.

O anuncio chega despois de que os Gobernos de Chequia, España, Francia, Grecia e Romanía emitisen un comunicado conxunto exixindo a Bruxelas "reaccionar inmediatamente á dramática suba de prezos". Ademais, pediron unha investigación sobre o mercado do gas e defenderon adquisicións coordinadas que "aumenten o noso poder de negociación".

Dentro do bloque comunitario non hai consenso, porén. Agárdase que a partir da primavera a situación mellore e algúns Gobernos consideran que até entón é mellor aguantar con medidas a nivel estatal, tal e como defendeu o primeiro ministro dos Países Baixos, Mark Rutte.

A suba de prezos chega ademais nun momento en que a UE se prepara para aprobar máis medidas para combater o cambio climático, como maiores taxas aos combustíbeis contaminantes. Unha circunstancia que algúns Estados, como Hungría ou Polonia, consideran que incrementará o prezo das facturas. 

O primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, cualificou onte as políticas verdes de "imposto indirecto" e acusou a Bruxelas de ser a culpábel de que os cidadáns paguen máis. Porén, as análises de organismos internacionais sosteñen que as taxas ao carbón ─industria de grande importancia en centro Europa─ apenas tiveron impacto. É, aseguran, o mercado do gas o principal causante.

Oferta e demanda

Neste sentido, a comisaria anunciou que antes de acabar o ano haberá unha reforma deste mercado, para abordar os problemas relacionados co almacenamento de gas e a subministración. 

No territorio euroasiático, o incremento da demanda non foi acompañado dunha maior oferta, o que provoca que a UE e os países asiáticos ─especialmente a China─ compitan polas reservas dispoñíbeis a prezos históricos. E todo isto, ás portas do inverno.

Josep Borrell, vicepresidente da Comisión Europea e alto representante para a Política Exterior, xa sinalaba hai unhas semanas que "antes ou despois, Europa terá que dicir algo. O sistema debe ser revisado porque ten demasiadas disfuncións. Trasladar o custo do gas a outras enerxías cuxo custo de produción non ten nada que ver é algo que non ten unha xustificación económica clara".

Nord Stream 2

A UE importa arredor de 60% do total da enerxía que consume, sobre todo gas e petróleo rusos (no caso do gas, 43,4% do total en 2020, segundo Eurostats). Erick Behar-Villegas, profesor de Economía da Universidade Internacional de Ciencias Aplicadas de Berlín, explicaba hai uns días en France 24 que a escaseza de gas e o consecuente aumento do prezo poderían responder a unha decisión xeoestratéxica. O obxectivo:  o impulso definitivo ao gasoduto Nord Stream 2, un proxecto polo que Rusia agarda a aprobación definitiva para comezar a bombear gas directamente até Alemaña.

Esta teoría callou entre algúns Estados da UE, que acusan a gasística rusa Gazprom de aproveitar a súa posición hexemónica no mercado para facer subir os prezos. Os datos que ofrece na súa web mostran que ─tal e como defende o Kremlin─ está a cumprir co acordado nos contratos asinados. Mais as acusacións veñen por non incrementar o fluxo neste momento de alta demanda.

As queixas levaron a Comisión a emitir un comunicado na terza feira, sinalando que investigarían o asunto. Porén, "a nosa valoración inicial suxire que Rusia está a cumprir cos seus contratos de longa duración", sinalou.

Tamén ten efectos no prezo da luz o conflito diplomático entre Marrocos e Alxeria. Este último é distribuidor de gas á Península Ibérica (12% do total da UE, só por detrás de Rusia e Noruega), mais o 31 de outubro fechará o gasoduto que atravesa territorio marroquí até Europa tras a recente rotura de relacións, o que vaticina a suba da factura da luz e do prezo en xeral doutros produtos.

Transición "dura"

Para Simson, a mellor maneira de protexer a cidadanía europea destas subas está nunha rápida transición cara á enerxía verde. "Ao final, a solución é a mesma, xa sexa a respecto dos prezos, da seguridade no subministro ou do clima: máis enerxía renovábel a nivel local, accesíbel economicamente, para progresar".

Un discurso na liña do exposto o pasado 14 de setembro, tamén ante a Eurocámara, polo comisario para o Pacto Verde, Frans Timmermans. "Se tivésemos o Pacto Verde hai cinco anos non estariamos nesta situación", sinalaba. E afirmaba que a transición "vai ser condenadamente dura, e ninguén debería facerse ilusións de que vai ser doada". 

Mais ─advertiu─ canto máis se tarde en acelerar esa viaxe tecnolóxica, máis volátil será o sistema. Máis cara será a luz. 

Protestas en Francia pola carestía da vida

Miles de cidadáns tomaron as rúas de cidades de toda Francia na terza feira para protestar polas subas na factura da luz, mais tamén doutros produtos básicos, e exixiron ao Goberno que lexisle para que se controlen os prezos e se produzan incrementos salariais. "Non podemos facer que os traballadores paguen os custos da crise", declarou Yves Veyrier, secretario xeral do sindicato Force ouvrière (FO), a France Info. Advertiu que o plan do Executivo de salvar a economía "custe o que custe" non pode pasar polos despidos ou a través de controvertidas medidas como a reforma da xubilación. A respecto do aumento da inflación, da suba no prezo dos carburantes, do incremento do prezo do gas desde o 1 de outubro e as altas facturas da luz, o secretario xeral do sindicato Confédération générale du travail (CGT), Philippe Martinez, exixiu "respostas urxentes".

Comentarios