A guerra en Ucraína, en directo, este 8 de abril

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 
Un soldado toma fotos de vehículos e tanques destruídos en Irpin, tras a retirada rusa das aldeas que rodean Kíiv. (Foto: Laurel Chor). Persoas evacuadas soben a un autobús en Mariupol. (Foto: Europa Press). Equipos de rescate realizan un operativo de busca nos restos dun edificio residencial danado por un ataque aéreo ruso. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).
photo_camera Un soldado toma fotos de vehículos e tanques destruídos en Irpin, tras a retirada rusa das aldeas que rodean Kíiv. (Foto: Laurel Chor). Persoas evacuadas soben a un autobús en Mariupol. (Foto: Europa Press). Equipos de rescate realizan un operativo de busca nos restos dun edificio residencial danado por un ataque aéreo ruso. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi).

🔴 [EN DIRECTO]

 

18.23 | Turquía afirma que Rusia e Ucraína están dispostas a manter novas conversas no seu territorio

Un alto funcionario do Goberno turco afirmou nesta sexa feira que as delegacións rusa e ucraína estarían dispostas a manter novas conversas en Turquía, segundo recolle a Agence France-Presse (AFP).

As negociacións, que seguen a decorrer de xeito telemático, víronse moi afectadas pola descuberta da matanza de poboación civil en Bucha, que ambos países se botan en cara.

O asesor de Zelenski, Mijailo Podoliak, afirmou que o equipo negociador está moi afectado pola masacre, mentres que o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergej Lavrov, volveu negar que o exército de Rusia cometera a masacre, a pesar de cada día saen novas evidencias en dirección contraria.

15.22 | Así é Azov, o batallón ao cal Zelenski cedeu a palabra no Parlamento grego

Dous días após intervir vía videoconferencia no Congreso español, Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, facía o propio no Parlamento grego. Mentres tratou de sensibilizar o conxunto do arco parlamentario en Madrid apelando ao bombardeo de Gernika, cos representantes políticos gregos optou por ceder a palabra a un membro do batallón Azov.

Os vínculos entre o Executivo de Zelenski e o grupo neonazi xurdiron en 2017, cando o daquela ministro do Interior, Arsen Avakov -que renunciou ao posto en 2021-, nomeou un líder do batallón, Vadym Troyan, como viceministro. Ocupou o posto até 2019, ano en que foi destituído.

13.39 | Ucraína denuncia máis de 30 mortos e cen feridos nun ataque ruso contra unha estación de tren en Kramatorsk

As autoridades ucraínas denunian as consecuencias dun ataque executado polas forzas rusas contra unha estación de tren na localidade de Kramatorsk, situada na rexión de Donetsk.

A Unión Europea condenou este ataque "indiscriminado". Pola súa parte, Rusia nega ter agredido con mísiles a estación de tren desat cidade do leste do país. 

"As Forzas Armadas de Rusia non levaron a cabo ningunha misión o 8 de abril en Kramatorsk e tampouco hai ningunha planeada", dixo o Ministerio de Defensa ruso.

10.31 | Mariupol, Izium e Donetsk, obxectivos das forzas rusas segundo Ucraína

As Forzas Armadas de Ucraína aseguraron hoxe que "os principais esforzos dos invasores rusos seguen centrándose na captura de Mariupol, a ofensiva na zona da cidade de Izium e os avances na defensa das Forzas Conxuntas na dirección de Donetsk", manifestou o Estado Maior do Exército ucraíno na súa conta na rede social Facebook.

Así mesmo, alertou de que "as Forzas Armadas da República de Bielorrusia levan a cabo actividades de formación operativa e de combate nos campos de adestramento de todo o país".

10.18 | EUA impón novas sancións contra oito persoas e perto de 30 empresas de Rusia

A Oficina de Control de Activos Estranxeiros do Departamento do Tesouro dos EUA anunciou esta sexta feira un novo paquete de sancións contra Rusia en represalia pola súa operación militar en Ucraína.

Segundo recolle Russia Today, as medidas punitivas esténdense á Oficina Central de Deseño Mariño 'Almaz' e a Oficina Central de Deseño de Enxeñería Mariña 'Rubin', así como aos Estaleiros do Báltico, do Almirantazgo e de Yantar. 28 subsidiarias da Corporación Unida de Construción Naval de Rusia e os oito membros da súa xunta tamén resultaron sancionados.

09.25 | Ursula von der Leyen e Josep Borrel visitan Ucraína esta sexta feira

A presidenta da Comisión Europea e o alto representante da Unión Europea para a Política Exterior e de Seguridade viaxan hoxe a Ucraína para achegar a este país unha mensaxe de "completa solidariedade" da Unión Europea (UE) e coñecer de primeira man a evolución do conflito.

Esta viaxe oficial coincide coa aprobación dun novo paquete de sancións da UE contra Rusia, o quinto, que inclúe por primeira vez a prohibición ás importacións de enerxía. Neste caso, o acodrdo impón o embargo á importación de carbón ruso.

Comentarios