Contundente vitoria de Zelenski na Ucraína

Obtivo 73% dos votos na segunda volta e impúxose en todas as provincias agás nas dúas máis occidentais.

zelenski ucraina

Actor e comediante de 41 anos, Volodimir Zelenski venceu nas eleccións de Ucraína cun resultado histórico: 73% dos votos. Derrotou así o actual presidente ucraíno, Petró Poroshenko, que atinxiu 24,6% dos votos e xa recoñeceu a súa derrota. A participación nos comicios foi de 61%.

Ao declarar a vitoria na sede de campaña prometeu que non decepcionará os seus votantes e dirixíndose ás repúblicas que fixeron parte da extinta URSS dixo: “Mirádenos! Todo é posíbel!”.

Zelenski cabalgou na precampaña e campaña cunha mensaxe anticorrupción e de crítica á elite política e económica que goberna Ucraína após o golpe de Maidán. En asuntos chaves, os posicionamentos de Poroshenko e de Zelenski son idénticos, como no achegamento á UE e a OTAN. Anunciou a súa intención de sentara falar co presidente ruso, Vladimir Putin, sobre o conflito de Donbass. “O principal agora é ser honrado e decente fronte ao pobo. E que Deus non permita que abandone o camiño”, afirmou.

Veto ao Partido Comunista

O Goberno ucraíno prohibiu a candidatura presidencial de Petró Simonenko, secretario xeral do Partido Comunista.

Após o golpe de Estado de 2014, o novo réxime iniciou unha persecución da oposición que se mantén até hoxe. De feito, o PCU foi ilegalizado e os seus parlamentares, expulsados do Parlamento. Aliás, puxo en marcha a chamada “lei de descomunistización”, que prohibe calquera opinión positiva sobre o pasado soviético e sobre o comunismo en xeral, tamén nas escolas e nos medios de comunicación.

Comentarios