A guerra en Ucraína, en directo, este 14 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.

Vehículo militar ucraíno en Lviv (Bryan Smith/ZUMA Press); persoas refuxiadas nun búnker en Uzhhorod (Ukrinform), e barricadas en Odesa (Nina Liashonok/Zuma Press).
photo_camera Vehículo militar ucraíno en Lviv (Bryan Smith/ZUMA Press); persoas refuxiadas nun búnker en Uzhhorod (Ukrinform), e barricadas en Odesa (Nina Liashonok/Zuma Press).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

21.22 | China volve exixir os EUA que aclare as actividades nas "instalacións de investigación biolóxica" de Ucraína

O portavoz do Ministerio de Relacións Exteriores de China Zhao Lijian instou os Estados Unidos (EUA) a que dea explicacións sobre as actividades que se estaban a desenvolver nas "instalacións de investigación biolóxica" de Ucraína antes de que fosen tomadas polo exército de Rusia.

20.27 | Rusia acusa Ucraína de empregar armas químicas e bombas de acio

O diario dixital Sputnik recolleu as acusaciçons do representante de Rusia na Organización das Nacións Unidas (ONU), Vasili Nebenzia, a Ucraína, de empregar armas químicas, principalmente fósforo, e bombas de acio. Nebenzia tamén insistiu na información dada polo Goberno ruso de que o exército ucraíno está a transportar 80 toneladas de amoníaco a Khárkiv para levar a cabo un ataque químico contra os soldados rusos.

20.05 | O Parlamento estonio exixe a entrada de Ucraína na Unión Europea

O Parlamento de Estonia fixo publico un comunicado dirixido aos países integrantes da Unión Europea (UE) e da OrganizacIón sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para exixir, entre outros aspectos, a creación dunha zona de exclusión sobre Ucraína e a súa entrada nos dous organismos e o embargo comercial sobre Rusia e Belarús.

18.56 | Ucraína reporta nove falecidos nun bombardeo a Antopil

O gobernador de Rivne, Vitali Koval, reportou o falecemento de 9 persoas durante un bombardeo do exército ruso á cidade ucraína de Antopil, no nordeste do país. O ataque tiña por obxectivo destruír a torre de televisión da cidade. A maioría de falecidos e feridos tiveron lugar polo desprendemento de restos do edificio, baixo cuxas ruínas atópanse moitas persoas, polo que Koval supón que o número de vítimas é probabelmente maior.

17.59 | O FMI calcula unha recesión de até 35% do PIB ucraíno a final de 2022

O Fondo Monetario Internacional (FMI) vén de emitir un informe no que scalcula que a recesión en Ucraína pode chegar até 35% do Produto Interior Bruto (PIB) do país, derivada da ofensiva militar rusa en solo ucraína. O organismo aprobou de emerxencia un préstamo de 1.275 millóns de eurtos, xa que incluso nas previsións máis optimistas a caída do PIB será de máis de 10%.

16.50 | O Ministerio de Defensa Ruso afirma que non terá "piedade" cos "mercenarios" doutros países que apoien Ucraína, segundo RT

O portal dixital Russia Today faise eco dunhas declaracións da contorna do Ministerio de Defensa de Rusia, nas que se afirma que "non haberá piedade para os mercenariosdoutros países estean onde estean na Ucraína". Ademais, en RT sinalan que Moscova seguirá a ordenar ataques contra as instalacións militares ucraínas.

15.30 | Rusia e Ucraína pausan as negociacións até a terza feira para realizar "traballo adicional"

O asesor de Presidencia de Ucraína, Mijailo Podoliak, vén de anunciar nas súas redes sociais que o encontro entre as delegacións rusa e ucraína para proseguir coa negociación que remate de xeito diplomático coa ofensiva militar rusa en territorio de Ucraína queda pausado até a cuarta feira.

15.07 | A ONU confirma 636 vítimas civís desde o comezo da guerra

A Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos de Nacións Unidas confirmou nesta segunda feira 636 vítimas civís entre a poboación ucraína desde o comezo da guerra de Ucraína, das que 46 serían crianzas. Non en tanto, a ONU sinala que o número real de falecidos é moito maior, xa que os 50 responsábeis que ten Nacións Unidas para levar a cabo o reconto de vítimas mortais estaría a ter problemas para comprobar os datos en cidades asediadas polo exército ruso, como Khárkhiv ou Mariupol.

14.20 | Reportan 20 mortos nun ataque en Donetsk

Diferentes medios de comunicación veñen de informar de que as defensas antiaéreas das milicias da República Popular de Donetsk derrubaron un mísil táctico Tochka-U cuxos restos caeron no centro desta cidade do Donbás. Cando menos 20 persoas faleceron, entre eles menores de idade, e outras nove resultaron feridas, segundo precisou o líder de Donetsk, Denís Pushilin. O Goberno ruso atribuíu ao Exército ucraíno este e outros quince ataques a diferentes localidades da rexión de Donetsk.

O centro de Donetsk, tras o impacto do mísil. Foto: Stringer/Reuters.
O centro de Donetsk, tras o impacto do mísil. Foto: Stringer/Reuters.

13.20 | Novos ataques á central de Chernóbil

Segundo informa a empresa ucraína Ukrenergo, a antiga central nuclear de Chernóbil volveu quedar sen subministro eléctrico esta segunda feira por mor dos ataques "perpetrados nas inmediacións polas forzas rusas, que xa dominan a zona". O persoal da central restabeleceu a electricidade para a mesma e para nutrir á cidade de Slavutich, mais o cableado "foi de novo danado".

12.00 | Rusia e Ucraína retoman o diálogo na que é a cuarta rolda de negociacións

A cuarta rolda de negociacións entre as delegacións de Rusia e Ucraína iniciouse por videoconferencia. O xefe da Oficina do Presidente de Ucraína, Mijaíl  Podoliak, confirmou que arrincaron as conversacións e sinalou que a discusión é "dura". Kiev planea discutir as garantías de seguridade e a retirada das forzas rusas de Ucraína.

11.07 | China nega que Rusia lle pedise axuda militar para a guerra en Ucraína

O Ministerio de Exteriores de China negou que Moscova pedise a Pequín equipamento militar en apoio á súa operación en Ucraína. "Trátase de desinformación", afirmou o portavoz da Cancillería chhinesa, Zhao Lijian. Zhao acusou os Estados Unidos (EUA) de difundir de forma" malintencionada desinformación contra China" no relativo ao asunto de Ucraína e resaltou que o seu país esfórzase por xogar un papel construtivo promovendo as negociacións de paz. O diario Financial Times publicou, citando funcionarios do Goberno estadounidense, que Rusia pedira a China equipamento militar e outra asistencia para continuar coa operación en Ucraína.

10.35 | Ucraína pide a "retirada inmediata" das tropas rusas"

O xefe da Oficina da Presidencia de Ucraína, Mijaíl Podoliak, vén de notificar a través do seu perfil en Twitter o inicio da cuarta rolda de negociacións entre diplomáticos ucraínos e rusos, un encontro que, desta volta, se produce por videoconferencia. Podoliak avanzou que demandará na reunión "a retirada inmediata das tropas rusas", así como "garantías de seguridade" para Ucraína. Con todo, recoñeceu que as negociacións serán "duras".

10.04 | Abertos dez novos corredores para evacuar civís

A viceprimeira ministra de Ucraína, Irina Vereschuk, vén de anunciar a apertura de dez novos corredores humanitarios para evacuar a poboación civil esta segunda feira, reportan diferentes medios. Así, na provincia de Kíiv trátase dun corredor desde as localidades de Bogdánovka e Novobogdánovka cara á cidade de Brovari; desde a localidade Pobeda Barishevskoi rumbo a Brovari, desde a localidade de Bobrik a Brovari; desde a cidade de Gostómel á localidade de Belogorodka; desde as localidades de Nemesháevo e Vorzel á localidade de Belogordsk; e pola localidade de Dmítrovka, rumbo a Belogorodka.

09.30 | Perto de 250.000 refuxiados foxen do Donbás rumbo a Rusia

Fontes oficiais do Goberno ruso citadas pola axencia de noticias Tass apuntaron esta segunda feira que máis de 247.000 persoas "cruzaron a fronteira de Rusia desde as repúblicas populares de Donetsk e Luhansk", das cales arredor de 55.000 serían menores de idade. Aliás, sinalaron que outras 32.000 persoas abandonaron Ucraína a través de diferentes postos fronteirizos con Rusia e a península de Crimea.

09.05 | Un morto e unha decena de persoas feridas polo impacto dun proxectil nun edificio residencial de Kíiv

As autoridades ucraínas, segundo reportan diferentes medios locais, denuncian o impacto dun proxectil ruso contra un edificio de apartamentos no distrito de Obolon, en Kíiv, que se tería saldado con, "cando menos", unha persoa falecida e máis de dez feridas. Outras quince persoas foron rescatadas na zona e 60, evacuadas.

08.35 | Polonia pide a Europa "abrir as fronteiras" aos refuxiados

O presidente de Polonia, Andrzej Duda, pediu ao resto dos países do continente que "abran as fronteiras" para acoller os milleiros de persoas refuxiadas que están a fuxir de Ucraína, segundo recolle a canle británica BBC. Estímase que, até o momento, máis de 1,5 millóns de persoas entraron en Polonia nas últimas semanas, o que para Duda supón "a maior crise desde a Segunda Guerra Mundial".

08.00 | Nova reunión entre diplomáticos rusos e ucraínos

Esta segunda feira volverán reunirse as delegacións negociadoras de Ucraína e a Federación Rusa, a través de vieoconferencia, segundo avanzou o domingo o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov. Fontes do Goberno ucraíno precisaron que Rusia "está a analizar a situación de maneira moito máis apropiada ao falar sobre cuestións concretas no canto de dedicarse a lanzar ultimatos", se ben "aínda queda moito camiño por percorrer", matiza tamén a representación rusa.

07.45 | Zelenski di que "é cuestión de tempo" que Rusia ataque países da OTAN

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, asegurou a primeira hora desta segunda feira que "é só cuestión de tempo" que os mísiles rusos "caian" sobre os países membros da OTAN. "Tiñamos razón. Levo moito tempo dicindo que Nord Stream 2 é unha arma que golpeará toda Europa. Agora é obvio. E agora volvo repetir: se non fechades os nosos ceos, entón é só é cuestión de tempo que os mísiles rusos caian no seu territorio, no territorio da OTAN, nos fogares dos cidadáns dos países da OTAN", dixo, en declaracións recollidas pola prensa ucraína.

07.30 | Ucraína reporta 35 mortos nun ataque en Lviv

Segundo recolle o xornal ucraíno Lviv Portal, o xefe da Administración Militar de Lviv —a 20 quilómetros da fronteira con Polonia—, Maksim Kozitski, informou do lanzamento por parte do Exército ruso de "cando menos unha trintena de mísiles", dos cales oito terían impactado nas instalacións militares do Centro Internacional para Operacións de Paz e Seguridade. Neste ataque, segundo Kozitski, terían falecido 35 persoas e outras 134 estarían feridas.

Comentarios