O conflito na Ucraína impacta na economía galega, do téxtil á industria

Sufrir as consecuencias da intervención rusa en Ucraína, non só polos efectos xerais do conflito a nivel económico europeo e xeral — suba de combustíbel, inflación...— mais tamén polo impacto en sectores propios ou con importante implantación na Galiza. Automoción, téxtil, peixe transformado... son algúns dos que poden verse afectados. Máis de 600 millóns de euros en xogo.

O sector do automóbil é un dos máis afectados pola actual crise. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector do automóbil é un dos máis afectados pola actual crise. (Foto: Europa Press)

"Os efectos inflacionarios preséntanse como os principais factores económicos iniciais de maior relevancia" que derivan do conflito na Ucraína, segundo Salvador Marín, doutor en Ciencias Económicas. Consecuencias que han impactar na economía europea e, así pois, tamén na galega, como acredita o economista Marcelino Fernández Mallo en conversa con Nós Diario. "A economía europea ten centros moi dependentes de Rusia en campos como o combustíbel e o gas, non tanto así o Estado español e a Galiza, mais todo se verá afectado".

O conflito, as sancións a inestabilidade.... pairan en forma de ameaza e risco sobre o fluxo de compra e venda que a Galiza ten con Rusia e Ucraína e que abrangue diferentes sectores, desde téxtil e automoción até produtos químicos.

"Profunda preocupación"

O secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Enrique Mallón, recoñeceu xa a súa "máxima preocupación" por unha guerra que, ao seu xuízo, "vai afectar" a industria galega.

"Ademais da industria da automoción, que é a principal actora galega nesas zonas, tamén a industria marítima-naval ten cada vez máis peso alí, en relación con pesqueiros ou con sistemas de frío", subliñou, engadindo que outras compañías como as dedicadas a tubaxes industriais tamén están a traballar en Ucraína ou Rusia. Por todo iso, a afectación para as empresas galegas pode ser "moi relevante".

Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) explica a este medio que a "afectación máis evidente" á economía da Galiza vai ser a través da suba dos combustíbeis, "que xa están altos", e como isto vai impactar en non poucos sectores, citando entre outros o pesqueiro e frotas como a do palangre ou arrastre. A isto engade os prexuízos que pode haber á hora de afectar á comercialización de produtos como a conserva ou eixe conxelado a eses mercados do leste europeo.

Nos once primeiros meses de 2021 a Galiza exportou a Ucraína por valor de case 103 millóns de euros e vendeu a Rusia produtos e mercadorías por 113 millóns. Entre ambos os dous suman 216 millóns de euros. 

Que foi o que máis exportamos? Automóbiles aos ucraínos (48 millóns de euros) e téxtil aos rusos (30 millóns). A Ucraína o segundo que máis lle vende a Galiza é peixe conxelado, por valor de 25 millóns de euros; e produtos da nosa industria química, como insecticidas, uns 15 millóns de euros. Disto último tamén vendemos a Rusia e por un valor de perto de 30 millóns de euros. Nomes internacionais como Inditex, por achegar outro dato, teñen 521 tendas en Rusia e 72 en Ucraína.

Petróleo, aceite de xirasol, millo 

Entre xaneiro e novembro na Galiza importamos produtos de Rusia por valor de 279 millóns de euros e de Ucraína por 130 millóns. De Moscova mercamos nomeadamente petróleo, por 185 millóns de euros, e carbón (17 millóns). De Kiev, aceite de xirasol (75 millóns) e millo (41 millóns, 28 % do tráfico de graneis do Porto de Marín procede de Ucraína). 

E a isto hai que engadir un panorama de sancións a Rusia e de vetos a produtos agrarios europeos pola Federación rusa na que "en xeral, sempre saímos perdendo", explícanos o economista Albert Carreras. Fernández Mallo lembra, nese sentido, o peso da Galiza en sectores como o de leite e carne.

Comentarios