As centrais nucleares, albo da guerra en Ucraína

O Goberno ruso acusa "saboteadores ucraínos" do lume provocado na central de Zaporizhia mentres a comunidade internacional amosa a súa crecente preocupación polos ataques a estas instalacións.
Lume na central nuclear de Zaporizhia (Foto: Russia Today).
photo_camera Lume na central nuclear de Zaporizhia (Foto: Russia Today).

Segundo reportan diferentes medios de comunicación rusos e ucraínos, o Exército de Rusia tomou esta sexta feira o control da central nuclear de Zaporizhia, a máis grande de todo o continente europeo, sita na cidade ucraína de Energodar.

Os ataques de artillaría producíronse contra os edificios anexos e desencadearon un lume que foi sufocado contra as 6.20 horas [hora local] desta madrugada. Segundo fontes da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), "non se rexistraron mudanzas nos niveis de radiación".

Pola súa parte, a Inspección Nacional de Regulación Nuclear de Ucraína, segundo recolle a axencia Europa Press, sinalou que "o persoal segue nos seus postos de traballo, con persoal operativo supervisando o estado das unidades de xeración e garantindo que operan en liña cos requisitos de procedemento para unhas operacións seguras", ao tempo que se están a realizar revisións para identificar posíbeis danos materiais.

Os elevados riscos que supoñen os bombardeos e ataques de artillaría perto das instalacións nucleares suscitaron nesta xornada numerosas reaccións. O director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), Rafael Grossi, vén de propor unha reunión na central de Chernóbil con representantes de Ucraína e Rusia para abordar un "marco de garantías" sobre as centrais nucleares do país.

"Esta iniciativa non ten nada que ver cos aspectos políticos da crise, non son o secretario xeral da ONU nin un mediador. Do que estamos a falar é dun marco baixo o amparo do OIEA no que Ucraína e as forzas presentes alí, no contexto desta operación militar rusa, poidan acordar algo para non comprometer a seguridade das instalacións", dixo Grossi.

Pola súa parte, o xefe da diplomacia europea, Josep Borrell, apoiou a petición de convocar unha reunión extraordinaria do Consello de Seguridade da ONU tras o lume provocado nesta central. "Os ataques rusos nas inmediacións das centrais nucleares poden ter consecuencias catastróficas e deben parar de inmediato", esgrimiu.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, reclamou esta sexta feira "sancións máis fortes" contra Rusia logo dos ataques rexistrados nas inmediacións da central de Zaporizhia.

"Pobo de Rusia, como é isto posíbel? Loitamos xuntos contra as consecuencias do desastre de Chernóbil en 1986, xa o esqueceron? Se o lembran, non poden ficar en silencio. Digan ao seu líder [Vladímir Putin] que vostedes queren vivir", apuntou.

Porén, segundo informa a axencia rusa Sputnik, o Ministerio de Defensa de Rusia ofrece unha versión diametralmente oposta e acusa Kiev de intentar levar a cabo unha "monstruosa provocación" nesta central nuclear.

Rusia acusa "saboteadores ucraínos" do lume na central nuclear de Zaporizhia

"Contra as 2 horas da madrugada, mentres patrullaba a zona protexida adxacente á central nuclear, unha patrulla móbil da Rosgvardiya [Garda Nacional de Rusia] foi atacada por un grupo de sabotaxe ucraíno. Os soldados rusos foron obxecto dun intenso lume de armas lixeiras desde as xanelas de varios pisos dun complexo de adestramento situado fóra da central. Os puntos de tiro dos saboteadores ucraínos foron eliminados polo lume de retorno das armas pequenas. Ao saíren do edificio, o grupo de saboteadores ucraínos prendeulle lume [ao edificio]", afirman as autoridades rusas.

Comentarios