Rusia e Ucraína pausan as negociacións até a terza feira para realizar "traballo adicional"

Após dúas semanas de conflito militar, as posicións diplomáticas semellan achegarse pouco a pouco, mais ambos bandos insisten en que están lonxe de chegar a un acordo para rematar coa ofensiva do exército ruso en Ucraína.
Intre da reunión telemática entre as delegacións rusa e ucraína. (Foto: @Podolyak_M)
photo_camera Intre da reunión telemática entre as delegacións rusa e ucraína. (Foto: @Podolyak_M)

O asesor de Presidencia de Ucraína, Mijailo Podoliak, vén de anunciar nas súas redes sociais que o encontro entre as delegacións rusa e ucraína para proseguir coa negociación que remate de xeito diplomático coa ofensiva militar rusa en territorio de Ucraína queda pausado até a cuarta feira.

Tal e como explicou Podoliak, o obxectivo desta "pausa técnica" é que os subgrupos de negociación poidan levar a cabo "traballo adicional", aínda que o integrante da delegación ucraína non deu maiores explicacións.

A reunión desta segunda feira tivo lugar de xeito telemático, a través de videoconferencia, e aínda que non se fixeron públicas as exixencias dun e outro equipo negociador, na véspera desta reunión trasladouse aos medios de comunicación a idea de que comezaban a tenderse os primeiros puntos de entendemento entre Rusia e Ucraína, aínda que a situación seguiría moi lonxe de resolverse. 

O propio asesor de Volodimir Zelenski explicou nas súas redes sociais que as dúas partes xa expuxeran as súas peticións e que o proceso de diálogo estaba a a ser "duro", xa que segundo Polodiak, Ucraína estaba a manter un "diálogo libre coa a sociedade" para chegar a un consenso sobre as súas condicións, mentres que Rusia esta a a levar a cabo a "supresión da súa propia sociedade".

Negociacións entre Rusia e Ucraína

Desde o comezo da ofensiva militar rusa en solo ucraíno, producíronse un total de 4 reunións de negociación entre as delegacións rusa e ucraína. As tres primeiras, que tiveron lugar de xeito presencial, decorreron no territorio "neutral" de Belarús, cuxo presidente, Oleksandr Lukashenko, e aliado do presidente de Rusia, e acusou en varias ocasións ao longo destas dúas semanas a Ucraína de estar a organizar "ataques" contra a poboación belarusa.

Nas primeiras reunións chegáronse a pequenos acordos para estabelecer corredores humanitarios nas principais cidades ucraínas sitiadas polo exército ruso, nomeadamente Mariupol e Irpin. Porén, o bombardeo destes corredores, do que se acusaron mutuamente os gobernos de Rusia e Ucraína, paralizou o proceso negociador.

O diálogo retomouse cunha reunión entre os ministros de Asuntos Exteriores ruso e ucraíno, Sergei Lavrov e Dmitro Kuleba, que decorreu na cidade turca de Antalya. Durante esta, ambos ministros conversaron sobre diversas cuestións, mais novamente volveu a non haber un acordo sobre os corredores humanitarios. Segundo Lavrov, no encontro non estaba previsto abordar ese tema, mentres que Kuleba lamentou que o dirixente ruso sinalou durante a reunión que el non tiña competencias para abordar esa cuestión.

Coa reunión desta segunda feira, as delegacións de ambos países intentan retomar o diálogo e as negocacións para pór fin a unha situación de guerra que se atopa xa na súa décimo novena xornada de ofensiva militar do exército ruso.

Comentarios