Greve xeral en Francia contra a reforma laboral de Macron

O presidente francés, debilitado por unha significativa perda de popularidade, insiste en acometer unha reforma laboral baseada no abaratamento do despedimento e na desregulación das condicións de traballo.

francia greve CGT

Macron afronta esta terza feira a súa primeira greve xeral como presidente. Un protesto convocado pola CGT e outros sindicatos, como SUD, Unión Nacional de sindicatos autónomos e a organización estudantil Unef, contra a reforma laboral queMacron pretende aprobar o vindeiro 22 mediante decreto lei. Philippe Martínez, secretario xeral da CGT, afirma que esta reforma é “peor” que a aprobada polo goberno de Hollande o ano pasado e que xerou unha forte contestación social.

As primeiras horas da xornada de greve deixan pegada especialmente en sectores como o transporte público, industria e administración. Hai convocadas máis de 200 manifestacións en diferentes puntos de Francia.

Menos dereitos

O leitmotiv da reforma do vixente código do Traballo é a desregulación. O presidente xustifica o recorte de dereitos e garantías para flexibilizar as condicións laborais nun mercado laboral cada vez máis “líquido” (sic).

A redución das indemnizacións por despedimento improcedente é unha das medidas estrela. Desta maneira, limítase a un tope de tres mensualidades de salario a compensación a unha traballadora con menos de dous anos de antigüidade, a metade da indemnización vixente até agora. Nun baremo progresivo, o tope aumenta até as 20 mensualidades no caso de antigüidades superiores aos 30 anos.

Ese teito supón un abaratamento efectivo do despedimento, o que na práctica facilitará o cesamento do persoal indefinido. Tamén se facilita o despedimento colectivo, nunha medida que claramente procura satisfacer os intereses das grandes compañías transnacionais. Coa reforma de Macron os Expedientes de Regulación de Emprego poderán levarse a termo inda que a empresa que declare dificultades económicas xere beneficios no estranxeiro.

Negociación colectiva

O ámbito no que a reforma laboral de Macron atinxe un maior alcance e dureza é no referido á representación legal das traballadoras e a negociación colectiva. Os Comités de Empresa pasan a se denominar “Comités Sociais e Económicos” e absorben as competencias dos comités de hixiene e seguridade e condicións do traballo.

A negociación colectiva sufrirá un duro revés dado que nas pequenas e medinas empresas limitarase a representación sindical e prevalecerán os acordos a nivel de empresa sobre os convenios colectivos de ámbito superior. Desta maneira as condicións de traballo, horarios, xornada e salarios poderán acordarse por baixo do recollido nos convenios sectoriais.

No caso das PEMEs de menos de 50 asalariadas, ademais, recóllese a posibilidade de que a dirección da empresa negocie directamente á marxe do Comité de Empresa podendo mesmo convocar referendos entre o plantel para a aprobación de modificacións (nas empresas de menos de 20 traballadoras), nun evidente intento de laminar a capacidade de resposta das organizacións sindicais.

Comentarios