Caso 'Pegasus'

O Goberno español destitúe a directora do CNI polo escándalo das espionaxes

Esta mesma terza feira está previsto que o Executivo informe das supostas intervencións a máis membros do Goberno de Sánchez.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, saúda a directora do CNI, Paz Esteban, no momento do seu nomeamento, en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, saúda a directora do CNI, Paz Esteban, no momento do seu nomeamento, en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español acordou a destitución da directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, como consecuencia do 'caso Pegasus' e tras 39 anos de traballo nos servizos de Intelixencia, segundo confirmaron a Europa Press fontes da entidade.

Esteban era a principal sinalada tras destaparse o informe de Citizen Lab sobre unha presunta espionaxe a máis de 60 políticos independentistas a través do programa Pegasus. Ademais, o Goberno revelou a pasada semana que tamén foran extraídos datos mediante o mesmo programa dos teléfonos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles.

A propia Esteban compareceu a pasada semana ante a Comisión de Gastos Reservados do Congreso, que decorre a porta fechada, para dar conta da participación do CNI na espionaxe a líderes independentistas. Segundo revelaron fontes da reunión, na súa comparecencia revelou escoitas a 18 dirixentes independentistas, entre eles o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, e desvinculouse do resto de persoas da listaxe de Citizen Lab.

En todos os casos dos espiados, segundo asegurou, contábase con autorización do xuíz do Tribunal Supremo adscrito ao CNI e de forma xustificada. Mesmo deixou ver aos deputados copias desas autorizacións xudiciais.

Marlaska, o terceiro espiado

O teléfono móbil do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, tamén foi infectado co 'software' Pegasus en xuño de 2021, segundo informou a Cadea Ser esta terza feira. O ataque produciuse nas mesmas datas que o sufrido no terminal da ministra de Defensa, Margarita Robles, e un mes despois do acometido contra o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez.

O ataque con Pegasus a Grande-Marlaska coincide no tempo co confirmado de forma oficial a Sánchez e Robles. En maio e xuño de 2021 o Goberno xestionou a crise pola entrada de milleiros de persoas migrantes a Ceuta e tamén comunicou os indultos aos políticos cataláns polo referendo do 1 de outubro.

Aliás, o Goberno ten previsto informar esta terza após o Consello de Ministras sobre o recoñecemento aos teléfonos móbiles dos membros do Goberno encargado ao Centro Criptolóxico Nacional (CCN), adscrito ao CNI.

[En ampliación]

Comentarios