Caso 'Pegasus'

Grande-Marlaska, terceiro membro do Goberno estatal espiado por 'Pegasus'

O Executivo ordenou analizar os dispositivos móbiles de todos os ministros e ministras e esta terza feira informará dos resultados desas pescudas.
O ministro do Interior, Fernando-Grande Marlaska, nunha sesión recente no Senado. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O ministro do Interior, Fernando-Grande Marlaska, nunha sesión recente no Senado. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O teléfono móbil do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, tamén foi infectado co 'software' Pegasus en xuño de 2021, segundo informou a Cadea Ser esta terza feira. O ataque produciuse nas mesmas datas que o sufrido no terminal da ministra de Defensa, Margarita Robles, e un mes despois do acometido contra o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez.

O Goberno ten previsto informar esta terza após o Consello de Ministras sobre o recoñecemento aos teléfonos móbiles dos membros do Goberno encargado ao Centro Criptolóxico Nacional (CCN), adscrito ao CNI.

O ataque con Pegasus a Grande-Marlaska coincide no tempo co confirmado de forma oficial a Sánchez e Robles. En maio e xuño de 2021 o Goberno xestionou a crise pola entrada de milleiros de persoas migrantes a Ceuta e tamén comunicou os indultos aos políticos cataláns polo referendo do 1 de outubro.

Polo de agora, segundo a Ser, descoñécese os datos aos que tiveron acceso a través deste ciberataque. Porén, si detallaron que o volume roubado a Grande-Marlaska foi arredor de 10 megas, semellante á cantidade de información que roubaron do móbil da titular de Defensa.

Marlaska é o terceiro membro do Goberno afectado pola espionaxe de Pegasus, á espera dos resultados da análise do resto de móbiles de ministros que foron analizados en profundidade desde hai pouco máis dunha semana.

A ministra portavoz, Isabel Rodríguez, asegurou que darían conta dos resultados unha vez completado o exame de todos os dispositivos sospeitosos de ter sido infectados.

A portavoz do Executivo tamén admitiu que, aínda que cumpriron cos protocolos de seguridade, o escándalo pola espionaxe a líderes independentistas que desvelou a plataforma Citizen Lab propiciou a investigación dos teléfonos móbiles do presidente e a titular de Defensa.

Comentarios