xoves 02.04.2020

O Goberno español aproba o primeiro tramo de avais

A primeira liña de avais ten un valor de 20.000 millóns de euros
Reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)
Reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)

O Consello Ministerial deu luz verde ao primeiro tramo de avais públicos que, cun valor inicial de 20.000 millóns de euros, ten como obxectivo garantir que as entidades financeiras outorguen a liquidez necesaria a corporacións, pequenas e medias empresas (pemes) e profesionais por conta propia que se están a ver afectadas pola crise sanitaria. Así o aprobou esta terza feira, 24 de marzo. 

Este primeiro tramo de avais, que forma parte dunha liña cun importe total de 100.000 millóns de euros, está destinado a cubrir 80% de novos préstamos e renovacións dos mesmos a profesionais por conta propia e pemes, a quen se destinará a metade do primeiro tramo.

Garantirase 70% de novos préstamos para o resto de compañías e 60% nas renovacións que realicen estas últimas. O único requirimento para acceder a esta garantía é que as solicitantes non estivesen en situación de morosidade a 31 de decembro de 2019 e en procedemento concursal a 17 de marzo de 2020.

A medida terá carácter retroactivo desde o pasado 18 de marzo, cando entrou en vigor o paquete de medidas económicas do Goberno estatal. A ministra de Facenda e portavoz do Executivo, María Jesús Montero, sinalou en rolda de prensa, após a reunión do Consello Ministerial, que esta liña de liquidez servirá para que o empresariado atenda as súas necesidades de financiamento, os pagos de salarios e de facturas, así como as obrigas tributarias. 

As entidades e profesionais autónomas interesadas poderán solicitar a garantía para as súas operacións até o 30 de setembro de 2020.

O estado de alarma e o calendario escolar

O Consello de Ministras tamén aprobou pedir hoxe ao Congreso prorrogar o estado de alarma até o próximo 11 de abril, sen propor novas restricións respecto das que estiveron estes días en vigor. 

En canto ás consecuencias da crise sanitaria e do estado de alarma sobre o calendario escolar, o Ministerio de Educación quixo deixar claro que non baralla a opción de dar xa por finalizado o ano académico neste mes de marzo, xa que suporía pór o ramo tres meses antes do previsto. A ministra de Educación Isabel Celaá e as responsábeis das Consellarías de Ensino discuten hoxe os pasos a dar no calendario e a posibilidade de aprazar a selectividade.

comentarios