venres 14/08/20

Gaza, un ano despois de 'Bordo Protector'

O 8 de xullo cumpríronse 365 días desde o inicio dos ataques de Israel sobre a Faixa. Bloqueado, o territorio permanece derruído entre o silencio dos medios de comunicación. 

[Imaxes UNRWA]
[Imaxes UNRWA]

Cesaron os bombardeos e a voz da poboación gazatí esmoreceu na imprensa internacional. Este 8 de xullo cumpriuse un ano da operación militar Bordo Protector. Máis unha agresión armada do Estado de Israel contra a Faixa de Gaza, a terceira desde 2007. 

As consecuencias de 51 días de ofensiva foron recollidas polas Nacións Unidas no informe elaborado pola comisión especial McGowan, encabezada pola xuíza estadounidense Mary McGowan Davis. 

Durante o ataque foron asasinadas un total de 2.251 persoas palestinianas, 1.462 civís e un terzo crianzas (551). O exército sionista destruíu 18 mil vivendas na súa totalidade e 138.000 de maneira parcial. Pola contra, na confrontación caeron mortos 67 soldados israelitas e 6 civís. 

Malia as diferenzas estatísticas, o informe elaborado por McGoewan sinala a violación do dereito internacional polo Estado de Israel mais tamén para o que definen como "grupos armados palestinianos", nomeadamente Hamás. Segundo a comisión independente, ambos terían cometido crimes de guerra durante a ofensiva de 2014 embora, sinala, "o feito de que Israel non revisase as súas prácticas de bombardear as áreas residenciais, malia que eran obvios os efectos nos civís, fai cuestionarse sobre se isto era parte dunha política aprobada, cando menos tacticamente, ao máis alto nivel do goberno".  

Segundo a xuíza, en declaracións recollidas na comparecencia de imprensa na que foi presentado o informe, "a repetición e a continuidade destes ataques" sobre edificios civís "e as obvias consecuencias de destrución e morte, dalgunha maneira debían ter feito reaccionar a cadea de mando que, no entanto, non fixo nada" permitindo que milleiros de persoas fosen asasinadas. "A amplitude da destrución e o sufrimento causado non teñen precedentes e terá un impacto sobre futuras xeracións", sentencia o informe McGowan.

Corte Penal Internacional

Aliás, o informe recolle a violación dos dereitos humanos en Cisxordania onde acusa Israel de ter cometido torturas, asasinatos e maos tratos sobre a poboación palestiniana. Segundo os dados recompilados durante a investigación internacional, foron asasinadas nestes territorios 27 persoas e máis de 3 mil agredidas. 

A Corte Penal Internacional xa está a estudar estes feitos após a denuncia presentada pola Autoridade Nacional Palestina logo do seu recoñecemento como Estado observador nas Nacións Unidas. Porén, desde Israel o primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu atribuíu á "defensa" os ataques contra "organizacións terroristas que pretenden destruílo". 

Na Faixa de Gaza viven 1,5 millóns de persoas das que 800 mil son refuxiadas da ocupación de 1948, segundo as Nacións Unidas

Así as cousas, a Faixa de Gaza continúa un ano despois de Bordo Protector completamente derruída. O bloqueo imposto por Israel en 2007 impide que a axuda humanitaria entre no territorio e, até o momento, nen unha soa vivenda ou edificio público comezou a ser reconstruído. 

Segundo os dados fornecidos pola Oficina de Asuntos Humanitarios da ONU en Gaza (OCHA) 100 mil persoas permanecen desprazadas nun territorio onde a maior parte da poboación é refuxiada ou descende de persoas refuxiadas pola ocupación de 1948. En cifras oficiais 800 mil das 1,5 millóns de persoas que habitan a Faixan. Asemade, 300 mil procuraron acubillo nas escolas da UNRWA, o órgao de Nacións Unidas para a atención de [email protected] [email protected] 

O bloqueo mantén o 73% da poboación gazatín nunha permanente situación de inseguranza alimentar, dependente da axuda humanitaria que unicamente entra cando o permiten as autoridades israelitas. Cumpre lembrar que o acceso á Faixa está controlado polo goberno sionista e unicamente conta co acceso de Rafah --limítrofe con Exipto-- a maior parte do tempo fechado desde o derrocamento da ditadura militar exipcia. 

comentarios