'Bordo protector': a terceira ofensiva militar de Israel contra Gaza desde 2008

Este novo ataque israelí prodúcese 3 meses despois de Hamás e Al-Fatah acordaren un goberno de unidade nacional.

Palestina
photo_camera [Imaxe @rdooan]

Chumbo fundido e Alicerce defensivo foron os nomes das dúas anteriores operacións militares lanzadas polo réxime sionista contra Palestina e detrás delas só fican regueiros de sangue, nomeadamente de crianzas. Até o momento, coa nova campaña, chamada Borde Protector, cóntanse 15 persoas asasinadas polos bombardeamentos israelís na faixa de Gaza e por ducias as feridas. O presidente, Benjamin Netanyahu, advertiu xa ás súas tropas que esta será unha "longa, continua e dura campaña contra Gaza". 

Os ataques comezaron no medio do caos xerado polo asasinato de 3 mozos israelíes e o dun rapaz de 15 anos palestiniano que foi queimado vivo en Xerusalén Leste. Mais tamén entre chamados á calma desde os territorios gobernados por Hamás e Al-Fatah que vían nas declaracións do presidente israelí arengas dirixidas ao extremismo sionista. 

Gaza é hoxe un territorio sitiado e bloqueado no que o pobo palestiniano non ten escapatoria perante os bombardeamentos do exército de Israel.

Desde Tel Aviv axitábase a "vinganza" pola morte dos tres mozos e, finalmente, o exército voltou a iniciar máis unha ofensiva contra a Faixa de Gaza. Un territorio sitiado e bloqueado no que o pobo palestiniano non ten escapatoria perante os bombardeamentos do exército de Israel. Após unha madrugada de ataques indiscriminados --que atinxiron edificios civís-- o goberno israelí prepara xa unha nova ofensiva militar e non desbota mesmo unha intervención terrestre (Russia Today falaba esta terza feira de que Tel Aviv podería mobilizar 40.000 soldados).

Acordo Hamás e Al-Fatah 

A súa decisión prodúcese apenas 3 meses despois do acordo alcanzado entre Hamás e Al-Fatah para conformaren un goberno de unidade nacional. Unha actitude que Israel xa mantivo cando ambas as dúas faccións da resistencia palestiniana se reconciliaron e iniciaron conversas en 2012. 

Con Bordo Protector, suman 3 as intervencións militares deseñadas por Tel Aviv contra Gaza desde 2008 --ano en que Hamás chegou ao goberno. Anteriormente foron Chumbo fundido e Alicerce defensivo, esta última iniciada a finais de 2012

Desde o outro lado da fronteira, as Brigadas Ezzedin al-Qassam, o brazo armado de Hamás, advertiron a Israel que responderían á ofensiva lanzando cohetes desde Gaza --proxectís de pequeno alcance en relación cos drones e avións militares israelís. Mais a cada ameaza palestiniana, Netanyahu torna aínda máis violentos e indiscriminados os seus ataques.   

Comentarios