Fracasa a votación preliminar para disolver o Parlamento israelí impulsada pola oposición

Israel asasina 57 gazatís que agardaban para conseguir comida.
Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno ultradereitista de Israel, o 22 de maio de 2025. (Foto: Khaim Zach / GPO / DPA vía Europa Press)
Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno ultradereitista de Israel, o 22 de maio de 2025. (Foto: Khaim Zach / GPO / DPA vía Europa Press)

A votación preliminar para disolver a Knesset, o Parlamento de Israel, impulsada pola oposición non logrou os apoios suficientes para ser admitida a trámite. Yair Lapid, líder do principal partido da oposición, Yesh Atid, deconfirmou esta cuarta feira o acordo de todas as faccións para impulsar unha votación que se resolveu finalmente nunha sesión parlamentaria que se alongou até altas horas da madrugada deste quinta.

A oposición necesitaba os votos dos dous grupos ultraortodoxos que fan parte do Goberno do primeiro ministro Benjamin Netanyahu, Shas e Xudaísmo Unido da Torá, e que ameazaran con retirarlle o seu apoio pola súa demora para aprobar unha lei que permita eximir gran parte dos xudeus ultrarrelixiosos, os estudantes das escolas relixiosas xudías, de facer o servizo militar obrigatorio.

Porén, segundo avanzan medios locais israelí, finalmente non se sumaron á iniciativa e votaron en contra da disolución do Parlamento co obxectivo de forzar unas eleccións anticipadas, ao alcanzar, sinalaron, uns principios de entendemento con Netanyahu. E é que até o último momento o primeiro ministro intentou alcanzar un pacto con estas dúas formacións para que continuasen apoiando o Goberno. De feiro, a súa coalición presentou múltiples proposicións para debater a cuarta no lexislativo e así atrasar o máximo posíbel a toma en consideración da disolución, tras solicitarlles un prazo dunha semana para ultimar o entendemento.

Sen necesidade dese prazo máis extenso, a proposta logrou 53 votos a favor e 61 en contra, o que esvaece, polo momento, calquera opción de acabar co Executivo de extrema dereita encabezado por Benjamin Netanyahu, xa que ao saír rexitada, non se poderá presentar unha moción semellante nos próximos seis meses.

Continúa o xenocidio

Entrementres, no xenocidio en Gaza as tropas sionistas mataron a cuarta feira 57 persoas que agardaban para conseguir axuda humanitaria, a maioría no centro do enclave palestino. 224 persoas perderon a vida nas inmediacións dos puntos de entrega de axuda nas últimas semanas, a meirande parte nos puntos da Fundación Humanitaria de Gaza, avalada por Israel e os Estados Unidos e criticada polo resto de organismos humanitarios, que ven bloqueado o acceso da axuda que xestionan.

O asedio primeiro e o bloqueo despois de Gaza foi xustificado polos sionistas polo saqueo da axuda humanitaria, que atribuían a Hamás, que goberna a Faixa. Porén, é o réxime israelí o que está a armar un grupo xihadista contrario a Hamás no enclave, que foi acusado precisamente de saquear os convois humanitarios.

Xa se confirmou cando menos un ataque israelí para axudar o grupo, que denunciou que Hamás matou máis de medio centenar dos seus combatentes, aos que considera aliados de Israel e traidores á causa palestina.

Comentarios