A oposición a Netanyahu impulsa unha votación para forzar a disolución do Parlamento israelí e a convocatoria de eleccións

A decisión chega despois de que os dous partidos ultraortodoxos de Israel, claves para a estabilidade do Goberno de Netanyahu, ameazasen con retirarlle o seu apoio.
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. (Foto: Europa Press / Contacto)
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. (Foto: Europa Press / Contacto)

Os partidos da oposición israelí someterán esta cuarta feira a unha votación preliminar na Knesset, o Parlamento de Israel, a posíbel disolución do órgano, un paso previo á convocatoria de eleccións anticipadas.

"Os líderes das faccións da Knesset dos partidos da oposición decidiron someter hoxe a votación a lexislación de disolución da Knesset. Esta decisión tomouse por unanimidade e obriga a todas as faccións", anunciou na súa conta da rede social X o partido Yesh Atid, de Yair Lapid, que lidera a oposición no Parlamento.

Porén, non fica claro en que momento do día se producirá a votación, xa que a coalición gobernante que lidera Benjamín Netanyahu controla o cronograma parlamentario e prevé introducir un gran número de propostas de lei para alongar a xornada, explicou un portavoz de Yesh Atid. Segundo explicou, a votación desta cuarta feira, 11 de xuño, servirá para admitir a trámite a proposta, que necesitaría outras tres votacións máis, e unha maioría absoluta de 61 escanos, para aprobarse.

A coalición de goberno ten 68 dos 120 escanos da Knesset, polo que a iniciativa precisa do apoio dos sefardíes ultraortodoxos e o dos askenazís tamén ultraortodoxos, que suman entre ambos 18 deputados. De feito, a decisión de someter a unha votación preliminar a lei para disolver o Parlamento chega despois de que os dous partidos ultraortodoxos de Israel, claves para a estabilidade do Goberno de Netanyahu, ameazasen con retirarlle o seu apoio pola súa lentitude para aprobar unha lei que permita eximir os xudeus ultrarrelixiosos de facer o servizo militar obrigatorio.

Comentarios