Galiza despide a Chávez chamando ao pobo venezolano a proseguir coa revolución

Organizacións nacionalistas e de esquerda celebraron en Vigo unha homenaxe ao Comandante Hugo Chávez que congregou a arredor de trescentas persoas.
Vista dunha parte do público asistente
photo_camera Vista dunha parte do público asistente

Logo do falecimento do comandante Hugo Chávez diversas organizacións políticas, sindicais e sociais do campo do nacionalismo e a esquerda, impulsaron un acto de homenaxe en Vigo ao líder da revolución Bolivariana. Malia a precipitación, a convocatoria titulada “Galiza despide a Chávez”, e que foi difundida en poucas horas a través das redes sociais, logrou axuntar arredor de trescentas persoas que ateigaron as dependencias do Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo.

O acto encetou ás sete da tarde coa presesentación a cargo do coordenador xeral da Asociación Galega de Amizade coa Revolución Bolivariana, Xavier Moreda, que deu lectura a un fragmento dun texto de Nestor Kohan no que o pensador arxentino denunciaba o “timoratismo da esquerda á hora de reivindicar sen ambaxes a figura de Chávez e a revolución que puxo en marcha”. De seguido a cónsul Mónica Chacín Fuenmayor, visibelmente emocionada e sen apenas ser quen de pronunciar palabra expresou un sentido agradecemento a todas as persoas presentes. Tras ela unha responsábel do consulado deu lectura, atragoada polas bágoas, a un comunicado oficial en termos semellantes ás mensaxes oficiais divulgadas desde que se coñeceu a triste noticia.

Tamén tomaron a palabra representantes das organizacións participantes no acto. Voceir@s da CIG, BNG, AGE e das forzas que integran esa coalición, CUT, Nós-UP e de Comunistas da Galiza-PCPE, expresaron mensaxes de pesar e solidariedade ao pobo venezolano. As intervencións concordaron á hora de reivindicar o papel fulcral de Chávez como referencia antiimperialista e defensor da soberanía dos povos, e chamaron o pobo venezolano a proseguir coa revolución rumo á construción do socialismo. “Chávez e a revolución bolivariana que liderou demostráronnos e fixéronnos confiar en que outro mundo é posíbel a favor das clases populares, que o socialismo é viábel en pleno século XXI” expresou un dos intervintes.

A homenaxe concluíu co himno de Venezuela que soou na voz do propio Hugo Chávez nunha gravación na que o interpretaba a viva voz canda o pobo nunha das súas numerosas arengas públicas. Unha prolongada ovación e consignas como “Viva Chávez!” e “Viva Venezuela” e “Solidariedade Galiza-Venezuela”, puxeron o punto final ao acto.

Comentarios