De Oliver Stone e Sean Penn a Calle 13 ou Muguruza. Cinema e música lamentan morte de Chávez

Para o director Oliver Stone con Chávez non se foi só un amigo personal senón que "os pobres do mundo perderon un valedor". Para o tamén oscarizado Sean Penn, a morte do comandante ("un amigo que tiven a benzón de ter") non debe impedir que "Venezuela e a súa revolución permanezan". E na música, desde Calle 13 a Fermín Muguruza ou Banda Bassotti, entre outros, mostraron o seu pesar polo pasamento de Chávez
Sean Penn e Chávez
photo_camera Sean Penn e Chávez

O pesar polo falecemento de Chávez traspasou non só fronteiras xeográficas senón tamén políticas e artísticas. Para dous dos nomes máis importantes e coñecidos do cinema de EEUU, Oliver Stone e Sean Penn, “os pobres do mundo perderon a un valedor e a un grande heroe”. Ambos os dous saben o que é gañar un Óscar e ambos os dous teñen se declarado orgullosos de seren amigos personais do comandante venezolano.

“Estou de dó por quen foi un grande heroe para a maioría do seu pobo e para aqueles que loitan por ter un lugar no mundo", afirmou Oliver Stone, director de filmes como Platoon, JFK, ou Asasinos Natos. Aliás, dirixiu en 2009 o documental Al Sur de la frontera sobre a esquerda latinoamericana, na que Chávez foi protagonista.

 "Odiado polas clases dominantes"

 “Odiado polas clases dominantes, Hugo Chávez vivirá por sempre na historia”, manifestou Stone. Mais non só este  director de 66 anos mostrou o seu pesar no eido do cimena estadounidense pola morte de Chávez. Así, o actor e director Sean Penn afirmou que "o pobo de Estados Unidos perde a un amigo que nunca soubo que tiña e oss pobres do mundo perderon a un valedor”. “E eu perdín a un amigo que tiven a benzón de ter”, agregou o actor, que  participou en filmes como 21 gramos, A delgada liña vermella, Mystic River, O Clan dos Irlandeses, ...

Penn tamén se mostrou confiado en que “Venezuela e a súa revolución permanecerán baixo o probado liderado do presidente (Nicolás) Maduro”.

O portorriqueño René Pérez, de Calle 13, tamén expresou a súa dor polo falecemento do comandante, ao igual que, entre outros moitos, o vasco Fermin Muguruza ou os italianos Banda Bassotti; por nomear tres experiencias musicales distintas doutros tantos países. Mais a ringleira de pésames é moi ampla e nela están desde Silvio Rodríguez a Billy Bragg,...

Comentarios