Opinión

'Un xenocidio consentido', por André Piñeiro González

Tras case un mes desde a intensificación do conflito entre Israel e Palestina (unha guerra de opresión, totalmente desigual e que dura máis de 80 anos), non se albisca unha solución fácil e satisfactoria ante esta dramática situación. Primeiro, hai que desmentir a idea estendida de que os enfrontamentos entre xudeus e musulmáns en Palestina parten da fundación do Estado de Israel tras a II Guerra Mundial, xa que comezaron realmente hai máis dun século, cando o Reino Unido autorizou coa Declaración Balfour as primeiras colonias na rexión.

Despois de décadas de guerra e devastación, tras os fallidos acordos de Camp Davis e Oslo, cómpre recapacitar. Se ben é certo que non é xustificable o ataque de Hamás contra obxectivos civís israelís, tamén é innegable que o pobo palestino leva sufrido incontables e arbitrarias persecucións, humillacións e exterminios ao longo dos anos, ante a pasividade da comunidade internacional. 

Esta vergoñenta inacción repítese novamente na actualidade.

Un Estado fracasado que emprende unha limpeza étnica non adopta unhas políticas moi diferentes ás dos fascistas a quen tanto se criticou. Esta observación non equivale en absoluto a culpar a toda a cidadanía israelí, xa que existen sectores moi importantes que se opoñen aos abusos de poder do seu goberno .

O feito de que tantas persoas, de ideas políticas e credos tan diferentes, respalden as reivindicacións do pobo palestino, debería darlles ás autoridades mundiais unha idea do que está en xogo: a supervivencia de toda unha comunidade. 

André Piñeiro González (Vilagarcía de Arousa)

Comentarios