155.000 migrantes entraron este ano na UE sen autorización dos Estados

A ruta dos Balcáns Occidentais é a máis usada a pesar dos obstáculos que supón cruzar varias fronteiras amuralladas, como é o caso de Hungría, Grecia ou Bulgaria, Estados integrados na Unión Europea.
Rescate no mar Mediterráneo. (Foto: Médicos Sen Fronteiras)
photo_camera Rescate no mar Mediterráneo. (Foto: Médicos Sen Fronteiras)

Nos primeiros sete meses de 2022 aumentou 86% o número de migrantes que entraron na Unión Europea (UE) fóra das canles estabelecidas pola lexislación, fixo público onte a Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas (Frontex).

O organismo apuntou que isto supuxo o ingreso de 155.090 persoas, principalmente a través da ruta dos Balcáns Occidentais, que conecta Grecia e Turquía con Austria e Alemaña pasando por Albania, Bulgaria, Macedonia do Norte, Romanía, Serbia, Croacia, Eslovenia ou Hungría.

Esta ruta conta con varias fronteiras amuralladas, o que non evita que 14.866 das 34.570 persoas detectadas na súa migración elixan esta vía, case 71.000 entre xaneiro e xullo, pola que transitaron tres veces máis persoas que en 2021.

Así e todo, afirma Frontex que a presión é moi alta no Mediterráneo central, principalmente desde Libia, con “chegadas diarias” que “exercen presión sobre as capacidades de recepción de Italia”. Arredor de 43.000 persoas utilizaron esta ruta, 60% máis que o ano anterior. Para a Organización das Nacións Unidas, esta é a ruta migratoria máis perigosa do mundo.

No que atinxe ao Mediterráneo Occidental, as entradas pola península Ibérica, detectouse unha baixada do 25% no número de persoas, 6.434 en total.
Até 1.161 persoas faleceron ou desapareceron tratando de chegar á UE polo mar Mediterráneo durante este ano, e até 24.495 desde 2014, informa a Organización Internacional para as Migracións.

A nacionalidade das persoas que migran cara ao bloque comunitario varía segundo as rutas. No caso dos Balcáns Occidentais os países dos que proceden máis migrantes son Siria, Afganistán e Turquía. No Mediterráneo Central, as exipcias e exipcios constitúen o principal colectivo, malia que en xullo as persoas orixinarias de Tunisia foron as que acumulan maior número de rexistros. Ao tempo, no Mediterráneo Occidental a maioría dos migrantes eran de Marrocos.

Xa na UE, Frontex tamén asegurou que 28.000 destes migrantes partiron cara ao Reino Unido, un 55% máis que o exercicio anterior, o que atribúe á “mellora das condicións climáticas e ao posíbel impacto do novo plan de migración de Gran Bretaña”.

A Axencia, o organismo da UE con maior orzamento, está acusada de protagonizar e financiar violacións aos dereitos humanos por entregas ilegais de migrantes a Turquía, á que a UE se comprometeu a pagar 8.000 millóns de euros por acoller as persoas recollidas no mar Exeo e evitar que entren na UE.

Comentarios