A IV Flotilla da Liberdade zarpará desde Barcelona

Será o 14 de setembro e como tripulantes irá a irlandesa Premio Nobel da Paz, Mairead Maguire.

Marianne_@Pablo Miranzo
photo_camera Imaxe do Marianne [Pablo Miranzo]

A IV Flotilla da Liberdade iniciará a súa viaxe cara á Faixa de Gaza o 14 de setembro. Así o comunicou a coligazón internacional que tamén desvelou finalmente o porto de saída. Será o de Barcelona. O lugar foi elixido polo traballo desenvolvido por esta cidade desde 1998 cando asinou un triplo acordo de irmandade xunto con Gaza e Tel Aviv para alén de ter construído con fondos locais de cooperación o Parque da Paz de Barcelona en Gaza (2005) que sería derruído polo exército istaelí durante a Operación Chumbo Fundido (2009). 

A tripulación estará composta integramente por mulleres co obxectivo de visibilizar a tripla opresión que as atinxe en Palestina 

Nesta ocasión a Flotilla da Liberdade estará conformada por dúas embarcacións Amal (Esperanza) e Zaytun (Oliveira) que serán tripuladas integramente por mulleres co obxectivo de "traer ao primeiro plano mediático o xenocidio cometido en Gaza contra case dous millóns de seres humanos que sofren diariamente castigos colectivos, que son crimes de lesa humanidade segundo o IV Convención de Xenebra". Porén, nesta ocasión Mulleres Rumbo a Gaza visa simbolizar a loita do pobo palestiniano através das mulleres "que son bastión de resistencia e loita contra a ocupación e o bloqueo istaelís". 

Mairead Maguire xa viaxou en 2009 a Gaza a bordo do Spirit

As embarcacións irán tripuladas por mulleres de diversos países. Entre elas, a irlandesa Premio Nobel da Paz, Mairead Maguire, que xa viaxou até a Franxa de Gaza en 2009 a bordo do Spirit of Humanity. Naquela altura a embarcación foi interceptada pola Marina israelí e a súa tripulación detida. 

Aliás, tamén estarán a escritora americana Naomi Wallace e a parlamentar dos Verdes de Nova Zelandia, Marama Davidson, entre outras. 

Durante os días previos á partida decorrerán no porto de Barcelona distintas actividades de apoio e solidariedade coa Flotilla mais tamén co pobo de Palestina. 

Comentarios