A Fiscalía solicita 39 anos de prisión para Lozoya por ilegalidades cando dirixía Pemex

O ex directivo da multinacional petroleira foi quen negociou con Feixoo o contrato dos floteis nos astaleiros galegos e tamén a compra da parte maioritaria do Barreras.
Alberto Núñez Feixoo nun encontro con Emilio Lozoya Austín en 2014 na sede de Pemex en México. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nun encontro con Emilio Lozoya Austín en 2014 na sede de Pemex en México. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía Xeral da República de México xa fixo unha acusación formal contra o que fora director da petroleira Pemex, Emilio Lozoya, para o que demanda o ingreso na cadea por un prazo de 39 anos. O ex alto cargo, que negociara co presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo carga de traballo para os estaleiros galegos e rematou liderando a compra de Barreras, está acusado de asociación delituosa, lavado de diñeiro e suborno.

Segundo recolle Europa Press do diario mexicano Milenio, agárdase que a Xustiza informe agora á defensa de Lozoya de que o ministerio fiscal pediu que se abra o xuízo oral.

Ademais, transcendeu que a Fiscalía tamén reclama que a nai do ex alto cargo de Pemex sexa condenada a 25 anos de prisión por presunta asociación delituosa e suborno.

A pena solicitada para o responsábel que negociara con Feixoo hai uns anos responde á consideración de que exerceu a súa posición de poder na multinacional para recibir subornos da construtora brasileira Odebrecht, para despois empregar os cartos en subornos a deputados e sacar adiante a reforma enerxética durante o sexenio de Enrique Pena Nieto.

A pesar deste novo paso na causa, Lozoya ten a oportunidade de conseguir un acordo, a condición de que repare o dano causado. Esta decisión dependería do Ministerio Público Federal.

Vínculos coa Xunta

A prensa mexicana ten sinalado a relación existente entre Feixoo e Lozoya, afirmando en febreiro de 2020 o xornal El Universal que “o ex director de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción”.

As sospeitas da xustiza mexicana tamén pairan sobre a compra das instalacións de Barreras.

De feito en setembro de 2012, Pemex e a Xunta anunciaban a firma dos contratos para a construción de dous floteis (un en Barreiras e outro en Navantia-Ferrol) e, algo máis dun ano despois e a instancias de Emilio Lozoya, o Consello de Administración de PMI -a filial da petroleira- aprobou a compra do 51%  das accións do estaleiro privado por 5,1 millóns de euros.

Esta compra tería sido apadriñada polo presidente galego, Alberto Núñez Feixooi (en cuxa axenda pública figuraron encontros con Lozoya en 2013 e 2014), escenificouse en decembro de 2013, nunha visita de mandatarios da empresa mexicana a Vigo. Naquela reunión, anunciáronse varios contratos que nunca chegaron a cumprirse.

Comentarios