O PP decide se Núñez Feixoo aclara os seus lazos con Pemex

Hoxe o Partido Popular votará na sesión da Deputación Permanente se o presidente da Xunta comparece ou non ante a oposición para explicar as súas conexións con ex directivos de Pemex investigados por corrupción ou pol
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Consello (Xunta).
photo_camera En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros oficiais (Imaxe: Europa Press).

En 2012, ano electoral, o presidente do Executivo galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, anunciou o peche dun acordo entre Petróleos Mexicanos, Pemex, e a Xunta da Galiza para a construción de dous floteis en senllos estaleiros do país: o de Navantia, en Ferrol, e Hijos de Barreras, en Vigo, por un importe de 290 millóns de euros.

Hoxe, seis anos despois e a un mes dunha nova cita coas urnas, PSdeG, BNG, Común de Esquerda e Grupo Mixto reclaman na Deputación Permanente a celebración dunha nova sesión na que o presidente explique a súa relación con ex directivos de Pemex investigados polo Goberno de México por presunta corrupción. Fica por resolver se Núñez Feixoo decide aceptar, e  as súas declaracións nas pasadas semanas semellan inclinar a balanza cara ao non do Partido Popular.

Un dos investigados é Emilio Lozoya, quen en 2012 accedeu á presidencia de Pemex. Un ano despois do seu ingreso, propuxo ao Consello de Administración dunha filial holandesa, PMI Holding, a compra dun 51% da participación da viguesa Hijos de Barreras.
As cámaras fotográficas captaron en decembro de 2013 da visita de dirixentes de Pemex a Vigo para celebrar a compra, abandeirada polo propio Núñez Feixoo. Hoxe, Lozoya permanece recluído nun cárcere madrileño, logo do seu arresto o pasado mes de febreiro e á espera de que se resolva a petición de extradición do Goberno de México.


Pemex baixo sospeita

A detención de Lozoya ten a súa orixe nun anuncio da Administración azteca, en xuño de 2019, da revisión dunha serie de contratos de Pemex con estaleiros do Estado español. "Estase levando a cabo unha limpeza xeral", anunciou Andrés Manuel López Obrador, actual presidente mexicano, en referencia a empresas satélites da petroleira e ao "tráfico de contratos e de compras con sobreprezo".

En concreto, como debullou Nós Diario, calcúlanse en 20 millóns de sobrecusto a construción dun dos floteis. En xullo de 2019 Núñez Feixoo partillou nunha rolda "todo o seu respecto" ás investigacións. O Goberno galego foi chave das negociacións para a entrada de PMI Holdings na compañía viguesa, que Núñez Feixoo defendeu. "Sen ese acordo, o estaleiro non sería un dos de máis carga de traballo de Europa", dixo.

Ademais de Lozoya, os servizos mexicanos puxeron baixo a lupa a Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. O primeiro exerceu como xefe de asesores do ex director de Pemex, e o segundo foi vicepresidente de Hijos de Barreras e ex director de PMI Holdings. Ambos foron retratados naquel decembro de 2013 xunto a Núñez Feixoo.

Nas investigacións aboiaron os acordos de 2012 e 2013. Daquela, Núñez Feixoo presentara a compañía azteca como a táboa de salvación dun naval en crise e Roa e Panizzo posaran para a prensa xunto ao mandatario. En 2013 e 2014 o presidente tamén mantivo senllas reunións con Lozoya. 

Os cartos de Venezuela

Na orde do día da sesión de hoxe, a oposición tamén reclama ao presidente da Xunta explicacións por outro caso de presunta corrupción: o burato detectado polo Tribunal de Contas na xestión de axudas a residentes españolas en Venezuela en 2015 e 2016, así como o suposto plan do responsábel galego de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, para cubrilo empregando fondos públicos.

Este caso foi dado a coñecer polo xornal dixital Eldiario.es. Nun artigo publicado en febreiro cifran en 300.000 euros o desfase na contabilidade e explican que Rodríguez Miranda achegou en decembro a súa proposta ao embaixador español en Venezuela, Jesús Silva, próximo a Núñez Feixoo, e o cónsul xeral, Juan José Buitrago. A institución en cuestión é a Fundación España Salud, da que Rodríguez Miranda, Silva e Buitrago son integrantes. 
 

Comentarios