México principia o xuízo contra Lozoya por corrupción

A xustiza mexicana investiga a compra do estaleiro vigués de Barreras pola empresa Pemex 
En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)
photo_camera En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)

Emilio Lozoya Austín xa está sentado diante da xustiza mexicana. Após unha fuga do país para eludir as súas responsabilidades legais, unha breve estadía con detención incluída no Estado español e unha rápida extradición a México, o antigo directivo da empresa pública Petróleos Mexicanos(Pemex) ven de prestar as súas primeiras declaracións ante a Fiscalía Xeral da República. Precisamente, esta instancia xudicial acúsao de trato de favor, asociación para delinquir e operacións con recursos de procedencia ilícita.

A primeira parte do procedemento céntrase en aclarar as relacións de Lozoya Austín coa trama corrupta organizada pola construtora brasileira Odebretch. Segundo a investigación en marcha, o máximo executivo de Pemex recibiu desta empresa, en diversas etapas, varios millos de dólares en comisións, algunhas delas depositadas en contas en Suíza a nome da súa nai e irmá, a cambio de diversos contratos públicos ou na propia Pemex. A este respecto a fiscalía cifrou en 30 millóns o diñeiro achegado polo Estado mexicano a Odebretch nese período, razón pola cal o xuíz do caso, Juan Carlos Ramírez Benítez decidiu a imputación de Lozoya Austín.

A imputación polo caso Odebretch é a segunda que impoñen a Lozoya Austín nesta semana. A terceira feira, o xuíz considerouno responsábel de recibir 1,5 millóns de dólares en comisións no coñecido como caso "Agronitrogenados", operación pola cal Pemex realizou a compra dunha factoría "chatarra" produtora de fertilizantes, cun sobreprezo de máis de 200 millóns de dólares.

Os argumentos da defensa de Lozoya Austín non convenceron, tampouco, nesta ocasión ao xuíz, que recusou a entrada en prisión preventiva do procesado, unha vez que comprometeu o seu apoio para investigar a trama de corrupción do aparato estatal. A defensa do antigo directivo de Pemex sinalou "que no seu momento o noso cliente" denunciará os delitos cometidos por "un aparato de poder conformado pola altas autoridades do Estado mexicano que estivo constituído co obxectivo de abusar dese poder que lexitimamente lle. foi concedido".

"Fará público de xeito moi claro e contundente os seus nomes, cargos que ocupaban e os métodos de instrumentalización que foron empregados", sinalaron ao xornal La Jornada os avogados de Lozoya Austín, Miguel Ontiveros e Alejandro Rojas, quen destacaron a solicitude deste de colaborar coa "Fiscalía xeral da república, o Estado mexicano e as súas institucións".

A causa contra Lozoya Austín non fixo máis que comezar. A este respecto, unha das cuestións que investiga a Fiscalía Xeral da República é a compra en 2013 de 51% das accións do estaleiro vigués de Barreras por Pemex, tras un longo proceso de negociacións e reunións do presidente da Xunta da Galiza, Núñez Feixoo co por aquel entón máximo mandatario da petroleira pública. Neste sentido, a denuncia do Goberno mexicano contra Lozoya Austín sinala directamente ás irregularidades cometidas na entrada do capital de Barreras e denuncia perdas para Pemex por unha contía superior a 50 millóns de dólares.

As autoridades galegas observan con preocupación o procedemento legal que se está desenvolvendo en México. Malia que Núñez Feixoo afirmou nun primeiro momento que a causa non afectaba a compra de Barreras e posteriormente tentou desligar a Lozoya Austín da operación, a conexión entre o mandatario galego e o antigo presidente da petroleira mexicana está claramente demostrada. Asemade, como sinalan fontes coñecedores do desembarco de Pemex na Galiza "este foi resultado dunha negociación directa e en primeira persoa de Feixoo e da súa equipa máis próxima".

Comentarios