Lozoya declara no xulgado por ilegalidades en Pemex

As sospeitas pairan sobre a compra de Barreras por Pemex.
Alberto Núñez Feixoo nun encontro con Emilio Lozoya Austín en 2014 na sede de Pemex en México. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nun encontro con Emilio Lozoya Austín en 2014 na sede de Pemex en México. (Foto: Europa Press)

Emilio Lozoya Austin, o antigo director xeral de Pemex que negociou con Alberto Núñez Feixoo e posteriormente formalizou a compra do estaleiro vigués de Barreras pola petroleira pública mexicana, compareceu esta cuarta feira diante do xuíz Artemio Zúñiga Mendoza, en relación coas irregularidades cometidas durante a súa etapa á fronte da compañía.

A vista decorreu no Centro de Xustiza Penal Federal do Cárcere do Norte da Cidade de México. Segundo sinala o xornal mexicano La Jornada foi “a primeira audiencia pública” que se realizou sobre o caso, após a extradición de Lozoya a México en xullo de 2020, tras ser vinculado a “operacións con recursos de procedencia ilícita, suborno e asociación delituosa”. Neste sentido, La Jornada destaca que “o obxectivo da audiencia é determinar se se remata co prazo para a investigación complementaria, ou ben se outorga unha sexta prórroga”.

A actuación a seguir enfronta a Fiscalía Xeral da República e a defensa de Lozoya. Mentres a primeira sostén que non hai elementos pendentes e que a investigación debe fecharse para formular a acusación, a segunda pide unha ampliación desta fase do procedemento, formalmente, co obxectivo de obter unha resposta do Goberno do Brasil sobre o ex director de Odebrecht en México, Luis Alberto Meneses.

A causa aberta pola xustiza mexicana contra Lozoya afecta a diversas operacións formalizadas por Pemex entre 2012 e 2016. Unha delas refírese a supostos negocios ilícitos coa construtora brasileira Odebrecht, investigada en diversos países polo pago de comisións a dirixentes políticos e responsábeis públicos.

Outra pon o foco na compra por parte da petroleira pública mexicana da empresa d Agro Nitrogenados, que segundo a instrución xudicial facía parte da estrutura paralela de Odebrecht para o reparto de subornos.

A adquisición de Barreras

A compra do estaleiro vigués de Barreras por Pemex está, tamén, baixo sospeita das autoridades mexicanas. Se en xuño de 2019 era o presidente do país, Ángel Manuel López Obrador quen anunciaba dentro dunha campaña de “limpeza contra a corrupción” que “estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex”, en febreiro de 2020, o xefe da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo, sinalaba que existían dous casos por xudicializar contra Lozoya Austín relacionados con defraudación fiscal e a adquisición de Barreras.

Lozoya pasou a converterse nun nome coñecido para os galegos en 2013, cando se formalizou a compra de Barreras por Pemex, tras un proceso onde Núñez Feixoo xogou un papel destacado.

A prensa mexicana non dubidou en sinalar a relación entre o presidente galego e Lozoya, afirmando en febreiro de 2020 o xornal El Universal que “o ex director de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción”. Sánchez Sierra é secretaria xeral de Medios do Goberno galego desde 2009.

Comentarios