O persoal de Barreras irá á folga a próxima semana

O comité de empresa exixe a consultora Kroll, encargada da venda do estaleiro Barreras, que non considere ofertas que non inclúan a subrogación da totalidade do cadro de persoal.
Os traballadores de Barreras mobilizáronse ás portas do estaleiro para exixir a continuidade dos seus postos de traballo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os traballadores de Barreras mobilizáronse ás portas do estaleiro para exixir a continuidade dos seus postos de traballo (Foto: Nós Diario)

O comité de empresa do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras anunciou esta cuarta feira a convocatoria dunha folga na semana do 10 ao 15 de xaneiro como medida de presión para reclamar á consultora Kroll, que xestiona o proceso de venda da empresa, que non considere as ofertas que non inclúan a subrogación da totalidade do persoal, carga de traballo e un plan industrial que garanta a construción de buques de gran porte.

Así o avanzou o presidente do comité, Sergio Gálvez (UXT), no transcurso dunha concentración convocada por este sindicato ás portas do estaleiro para esixir un futuro para a firma e o cadro de persoal, na que tamén cortaron o tráfico de Vigo.

De momento, Gálvez informou de que Kroll xa lles ten notificado o interese de tres firmas pola unidade produtiva pero sen desvelar os detalles, xa que o proceso está aínda "en fase de valoración".

De feito, confirmou que Barreiras aínda non solicitou a activación do concurso nin a liquidación.

Kroll ten sobre a mesa tres ofertas pola unidade produtiva do estaleiro Hijos de J. Barreras

O presidente do comité xustificou a convocatoria de folga como unha medida de presión dos traballadores para reclamar que se lles considere neste proceso, e advertiu de que "sería lamentábel" que, despois de meses nos que os operarios ─a maioría afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE)─ mantiveron a paz social, se vaia a prescindir da súa experiencia e coñecemento se non teñen cabida no proxecto dos futuros novos donos de Barreras.

Nese sentido, Gálvez indicou que desde o comité solicitaron á consultora que convoque aos representantes dos traballadores para que estes tamén poidan avaliar as ofertas presentadas.

Na mesma liña, insistiu en que calquera das opcións que leve Kroll ao xulgado "ten que ser con persoal, carga de traballo e un futuro industrial que potencie o papel de Barreras, e que non quede para construír barcos pequenos, porque se desaproveitarían as instalacións", advertiu o responsábel sindical.

Comentarios