Sen medidas cautelares polo de agora

O fiscal denuncia o Govern por rebelión a pesar de non se cumprir o requisito da violencia

O código penal é moi explícito ao respeito. Serán reos do delito de rebelión "os que se alzaren violenta e publicamente", artigo 472. Esta circunstancia -a violencia- non concorre no caso catalán. O único que ten habido é unha votación parlamentar sobre a vontade de construír unha República.

Screen Shot 2017-10-30 at 12.33.52
photo_camera José Manuel Maza

O fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, acaba de interpor senllas querelas por rebelión, sedición e delitos conexos -prevaricación e malversación- contra os membros do Govern e os integrantes da Mesa do Parlament que admitiron a trámite a proposta de resolución sobre a independencia votada no Pleno do Parlament a pasada sexta feira.

Maza compareceu perante a imprensa esta segunda feira para dar leitura a un breve comunicado sen se submeter ás perguntas dos meios.

A querela ao Govern apreséntase perante a Audiencia Nacional, mentres que a denuncia á Mesa se formaliza perante o Tribunal Supremo, sendo que os seus integrantes conservan aínda o seu aforamento ao seren moitos deles membros da Deputación Permanente do Parlament (Puigdemont, Junqueras e os consellers terían perdido o foro especial ao seren destituídos por Rajoy).

Maza dixo que nos próximos días as persoas denunciadas terán de prestar declaración con vistas á hipotética imposición de medidas cautelares, que non precisou. Cabe lembrar a este respeito que os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart cumpren prisión preventiva incondicional após seren denunciados por un delito de sedición.

Rebelión

O delito con maior carga punitiva que pende sobre os membros do Govern é o de rebelión. Porén, destacados xuristas -e até o inspirador da redacción deste artigo no código penal, o ex dirixente de IU e PSOE Diego López Garrido- afirman que non se pode imputar rebelión ao executivo de Puigdemont.

E con efeito unha leitura do artigo 472 do código penal basta para ver que non é de aplicación neste caso ao non concorrer o requisito da violencia.

O artigo reza así: "Son reos do delito de rebelión os que se alzaren violenta e publicamente para calquera dos fins seguintes", e entre eses propósitos cítase explicitamente a declaración de independencia (ponto 5 do artigo). 

Mais é obvio que ningunha das actuacións do Govern non procés estivo conducida pola violencia, algo que a contraparte española -dada a forma en os corpos e forzas de seguridade do Estado tentaron impedir o exercicio do voto no referendo do 1 de outubro- en ningún caso pode argumentar.

Comentarios