Finou José Luis Sampedro, o pensador vitalista contra a barbarie do capitalismo

O economista, escritor e ensaísta José Luis Sampedro (Barcelona, 1917) finou en Madrid aos 96 anos. Gostaba da palabra 'humanista' para se definir e para reivindicar un estadio antagonista do capitalismo salvaxe, ao que sempre combateu. Foi, tamén, 'escritor galego universal' e defendeu o dereito de autodeterminación para os pobos do estado español

 

José Luis Sampedro
photo_camera José Luis Sampedro

Finou o domingo en Madrid, mais a familia optou por non dar a nova até esta terza feira, día no que foi incinerado, pois quería marchar “sen publicidade” nin ”fastos”. José Luis Sampedro faleceu aos 96 anos de idade. Economista, escritor, ensaísta. Un referente para un compromiso e coherencia que nunca se rendeu fronte o pensamento único. Morreu acreditando que o capitalismo non serve.Porque é inhumano. No fondo, a mesma posición que mantiña cando con 19 anos combateu na Guerra Civil nun batallón anarquista. A CNT, alfa e omega do potente movemento obreiro da Barcelona onde naceu.

Foi miliciano anarquista na Guerra Civil e senador por designación real na Transición para ser un referente ético para o 15M contra o neoliberalismo

“Os recortes acéptanse por unha das forzas máis importantes da humanidade, o medo”

A mediados dos 60, e após as destitucións dos catedráticos de universidade Aranguren e Tierno Galván pola súa oposición o réxime, Sampedro opta por marchar ao estranxeiro. En 1977 foi senador por designación real, cargo que ocupou até 1979.

Alén da súa tarefa como economista (con obras como Conciencia do Subdesenvolvemento, O mercado e a globalización,...) tamén foi escritor. Outubro, outubroO amante lesbiano, mais principalmente O soriso etrusco tiveron repercusión e un certo 'éxito'. Obtivo o Premio Nacional das Letras e foi membro da Real Academia Española.

“Sen liberdade de pensamento, a liberdade de expresión non vale para nada”

Foi un humanista crítico. Nos últimos anos foi tomado como referente polo movemento do 15M. Escribiu o limiar para a edición española do 'Indignaos' de Hassel. Reclamaba unha “economía máis humana,máis solidaria, que sexa quen de contribuír o desenvolvemento dos pobos”.

Aliás, acreditaba en que o capitalismo estaba xa na súa fase final e definitiva, e cría que a mocidade que impulsaba o novo ciclo de mobilizacións en torno ao denominado 15M era o motor do cambio necesario.

Escritor galego universal

En 2012, Sampedro recibiu o galardón de Escritor Galego Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg), Esta asociación destacaba a "alta calidade da literatura lúcida, profunda, radical e transgresora" de Sampedro, "impregnada do seu compromiso ético".

A relación de José Luis Sampedro con Galiza comezou na década dos setenta a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou económicamente cunha mensualidade do seu salario de senador nas primeiras cortes após o franquismo.

Sampedro defendeu o dereito de autodeterminación para os pobos do Estado español

Comentarios