Feche en falso dos choques armados no Iraq despois de 30 mortos nos combates

Al Sadr dá un ultimato aos seus seguidores para que abandonen as mobilizacións e os combates con milicias rivais, e consigue rebaixar a tensión perante unha crise política que continúa sen solución.
Combates onte pola mañá en Bagdad, a capital iraquí, entre milicias leais a al Sadr e ao Marco de Coordinación. (Foto:abdouid96946334)
photo_camera Combates onte pola mañá en Bagdad, a capital iraquí, entre milicias leais a al Sadr e ao Marco de Coordinación. (Foto:abdouid96946334)

Cando menos 30 persoas faleceron e 700 ficaron feridas na capital do Iraq, Bagdad, despois da renuncia á política do clérigo xiíta Muqtada al Sadr na segunda feira, informou onte Al Jazeera, tras os combates desatados na capital entre as milicias vinculadas aos dous principais grupos políticos do país, a coalición do Marco de Coordinación e o Movemento Sadrista que lideraba al Sadr, e que quedou disolvido coa retirada do clérigo.

Ao tempo, varias persoas foron feridas polos disparos e gases lacrimóxenos utilizados pola Policía para tratar de dispersar as protestas. Neste sentido, segundo sosteñen os sadristas, a mobilización das súas milicias respondeu a un intento de protexer os seus simpatizantes.

Ademais da loita con armamento militar nas rúas, os seguidores de al Sadr asaltaran hai 48 horas a sede do Goberno e o palacio Republicano “entre cánticos que pedían a caída do réxime”, explica Al Zaman.

A resposta das autoridades foi impor un toque de recoller na capital ás 15.30 horas, que logo estenderon a todo o Estado ao espallarse as mobilizacións, así como suspender a actividade do Executivo provisional.

No sur, de maioría xiíta, os seguidores de Al Sadr bloquearon estradas coa queima de pneumáticos na provincia de Basora e saíron á rúa a concentrarse diante do edificio da Gobernación de Maisan.

Perante a violencia, Hasan al Azari, un dos líderes do Movemento Sadrista, anunciou que al Sadr estaría en “folga de fame até o cesamento da violencia e o uso das armas, botar os corruptos non dá a ninguén unha xustificación para o uso da violencia”.

Así e todo, durante a noite continuaron os combates entre os grupos armados, o que levou o clérigo a facer un novo chamamento pola mañá, “o partido é disciplinado e obediente, e que fuxan das miñas mans os que non se retiren en 60 minutos”, en referencia á Zona Verde, onde están as principais institucións do país, como o Parlamento, que os seus seguidores asaltaron en dúas ocasións nos últimos meses. “Independentemente de quen comezou a loita, camiño coa cabeza gacha e pido desculpas ao pobo iraquí, que é o único afectado polo que está a pasar”, sostivo.

Pouco despois da advertencia, Shafaq asegurou que os seus partidarios comezaron a abandonar as institucións ocupadas e saíron da Zona Verde de Bagdad. En paralelo, o Exército do país fixo público que quedaba anulado o toque de recoller a nivel estatal.

Unha crise sen final

“Non podemos dicir que a crise estea completamente rematada”, incidiu Walid Ibrahim, xefe da oficina de Al Jazeera en Bagdad, que pide agardar aos próximos pasos do “Marco de Coordinación, que estivo implicado nunha violencia sen precedentes cos seguidores de al Sadr”.

Pola súa parte, Ruba Ali al Hassani, da Universidade de Lancaster (Reino Unido), acusou al Sadr de utilizar como “ferramenta psicolóxica” a súa influencia sobre os sadrista. “É imprevisíbel en gran medida, iso é o que lle dá poder”, aseverou.

Sexa como for, nin os medios locais nin os internacionais descartan que a situación evolucione cara a unha guerra civil se non se supera a crise política posterior ás eleccións do pasado outubro.

Enfrontamentos entre xiítas coa loita Irán-EUA de fondo

Malia que tanto os sadristas como o Marco de Coordinación son organizacións maioritariamente xiítas, polo que manteñen boas relacións co Irán, al Sadr defende unha maior soberanía do Iraq con respecto a Teherán, ou, en palabras do xornal Al Mada, "distanciarse do conflito iraniano-estadounidense", o que se traduciu na imposibilidade destes 
grupos para pactar un novo Goberno.

Comentarios