Iraq sinala que o ataque turco ao PKK atenta contra a súa soberanía

Bagdad ve "inaceptábel" o despregue no Kurdistán, que inclúe unha ampla campaña de ataques aéreos con avións, helicópteros e aparellos non tripulados, así como unha incursión terrestre de tropas de comandos.
Home sostén bandeira kurda. (Foto: Ismael Adnan)
photo_camera Home sostén bandeira kurda. (Foto: Ismael Adnan)

A Presidencia de Iraq cualificou nesta terza feira de "ameaza á seguridade nacional" do país a ofensiva lanzada o domingo por Turquía contra o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) na rexión semiautónoma do Kurdistán iraquí, antes de agregar que supón ademais "unha violación da soberanía" iraquí.

Así, resaltou nun comunicado que "a repetición das operacións militares turcas dentro das fronteiras de Iraq" sen nin gún tipo de "coordinación co Goberno federal" iraquí e a pesar dos "chamamentos previos para que se deteñan e teñan lugar conversacións", constitúe un feito "inaceptábel".

A Presidencia de Iraq manifestou que Bagdad busca "relacións positivas con Turquía en liña cos intereses comúns" e defendeu a necesidade de "resolver os problemas de seguridade a través de cooperación e coordinación previa". Ademais, o Goberno de Bagdad insistiu en censurar "as prácticas unilaterais á hora de abordar os asuntos de seguridade".

"A soberanía iraquí debe ser respectada", reiterou, á vez que mostrou o seu rexeitamento a que o territorio de Iraq "sexa un campo de conflito e un lugar para que outros axusten contas, poñendo en perigo a súa soberanía e ameazando a súa seguridade e estabilidade interna".

Nesta liña expresouse o Ministerio de Exteriores iraquí, que dixo que "rexeita categoricamente" e "condena firmemente" as "operacións turcas". "Iraq considera esta acción como unha violación da súa soberanía", manifestou.

"É un acto que viola os tratados e as leis internacionais que regulan as relacións entre os países. Así mesmo, viola o principio de boa veciñanza", apuntou, antes de incidir en que o territorio de Iraq "non debe ser usado como sede ou corredor para causar dano a ningún dos países veciños".

As garras de Turquía

O Goberno turco deu comezo en xuño de 2020 a unha operación militar chamada ‘Garra Tigre’ no norte de Iraq contra supostos brancos de PKK. Dita operación recibiu a condena do corpo de funcionarios iraquís, que ven nas tropas turcas no seu territorio “forzas de ocupación”.

Coa nova operación militar  de Turquía que tivo inicio nas últimas horas do domingo, denominada 'Garra de Bloqueo', o ataque de Ankara contra o PKK en territorio iraquí adquire unha nova dimensión.

A operación inclúe unha ampla campaña de ataques aéreos con avións, helicópteros e aparellos non tripulados, así como unha incursión terrestre de tropas de comandos, sinalou Turquía. 

Comentarios