Os manifestantes exixen reformas para deixar o parlamento iraquí

Terceiro día de ocupación dos seguidores de al Sadr.
Imaxe de al Sadr na protesta. (Foto: Ameer al Mohammedawi / DPA)
photo_camera Imaxe de al Sadr na protesta. (Foto: Ameer al Mohammedawi / DPA)

Por terceiro día consecutivo, milleiros de simpatizantes do clérigo xiíta Muqtada al Sadr mantivéronse onte no lexislativo de Iraq, no que para os medios locais constitúe xa a maior crise política no país desde a invasión liderada polos Estados Unidos en 2003.

Pola súa banda, representantes de al Sadr incidiron a Azzaman en que o levantamento do que cualifican de "sentada" está ligado á implementación de reformas que desbloqueen a formación de Goberno, parada desde as eleccións de outubro de 2021. Paralelamente, os líderes do Movemento Sadrista, a forza liderada polo relixioso, pediron a preservación da paz civil e das propiedades no territorio.

Malia que o domingo o Goberno kurdo en Iraq lanzou unha proposta para que as partes acudisen a Erbil para resolver as diferenzas, a segunda ocupación do Parlamento en menos dunha semana recibiu o apoio directo de al Sadr, que pouco despois transmitiu a solicitude a "todos de apoiar os revolucionarios para a reforma" no que constitúe "unha grande oportunidade para un cambio fundamental do sistema político e da constitución".

Asemade, considerou unha "liberación" a entrada de masivas manifestacións na Zona Verde, que acolle os principais edificios gobernamentais no que era a sede central no Iraq das Forzas Armadas estadounidenses, asegura Almada. Esta situación obrigou as autoridades iraquís a suspender o traballo nas institucións públicas.

Segundo reportan os xornais iraquís, os manifestantes desprazaron colchóns e mantas para resistir no lexislativo, que se encheu de vendedores ambulantes para aprovisionalos. Amais, aproveitan para celebrar o comezo da semana da Ashura, unha das festas máis importantes para a poboación xiíta.

Detrás desta situación está o rexeitamento de al Sadr a que Mohammed Shia Al Sudani sexa proclamado como novo presidente do país, ao que acusa de pro iraniano tras ser proposto á Presidencia pola coalición de partidos denominada Marco de Coordinación. Ademais, os sadristas queren que o novo Executivo sexa elixido por maioría parlamentar e superar o modelo de concentración que primaba até o de agora, no que todos os partidos con representación podían participar no gabinete respondendo ás cotas acordadas no lexislativo.

Os deputados do Movemento Sadrista, que se impuxo nos comicios con 73 dos 329 asentos do Consello de Representantes, renunciaron en bloque en xullo en protesta pola falta de avances.

Comentarios