China condena a "intrusión" norteamericana

O exército mantense leal a Maduro, quen rompe relacións diplomáticos cos EUA

Nada hai decidido en Venezuela neste momento e todos os escenarios están postos sobre a mesa, sendo que o golpe aínda non foi totalmente abortado. Mais hai un dato relevante: a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) mantense leal a Maduro, embora semanas atrás houbo movimentos pre-golpistas en sectores, aparentemente moi minoritarios, do exército. Mentres tanto, Caracas decidiu rachar relacións diplomáticas cos EUA, claros patrocinadores do atentado contra o goberno venezuelano lexítimo.

ministro defensa
photo_camera O ministro de Defensa venezuelano nunha comparecencia con mandos militares

Hai tamén informacións confusas sobre o número de vítimas mortais en confrontos entre opositores e as forzas de seguranza. Organizacións como a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) falan de 16 mortos, en tanto que o Observatorio Venezuelano de Conflitividade Social rebaixa a cifra a 13.

As fontes oficiais, da Fiscalía, poñen o foco nos confrontos entre opositores e chavistas en que non se produciu ningunha intervención da policía. Tamén en saqueos que resultaron en vítimas—fálase de catro mortos—, uns feitos que se están a investigar no estado de Bolívar.

Canto á evolución da situación, todos os ollos están postos nas forzas armadas do país e nese sentido todos os indicios apuntan a que se manteñen fieis á orde constitucional.

Na súa conta twitter, o ministro de Defensa, Vladimir Padrino, afirmou: "O desespero e a intolerancia atentan contra a paz da nación. Os soldados da patria non aceitamos un presidente imposto á sombra de escuros intereses nin autoproclamado á marxe da lei".

A posición de China

E na esfera internacional o movimento de maior impacto é o realizado por China. Baixo a dirección de Xi Jinping, o xigante asiático distánciase do perfil baixo que o país adoptou no pasado perante conflitos semellantes e deixa ver con clareza que está a carón de Maduro.

A través da portavoz do ministerio de Asuntos Exteriores, Hua Chunying, Beijing condena a "intrusión" dos EUA na política venezuelana e manifesta o seu apoio "aos esforzos do Goberno de Venezuela para manter a súa soberanía, independencia e estabilidade".

Comentarios