CABELLO ALERTA QUE WASHINGTON PREPARA UNHA INVASIÓN

EUA inclúe Venezuela na lista de ameazas á súa ''seguridade nacional''

Caracas interpreta a medida como unha inxerencia dirixida a derrocar o goberno unha vez que a oposición dereitista foi ‘incapaz’ de facelo.

Barack Obama
photo_camera Barack Obama

Venezuela pasa a acompañar a Cuba no grupo de estados americanos que forman parte da lista de ‘’ameazas á seguridade nacional’’ de EUA, unha clasificación que anunciou Barack Obama ao tempo que as sancións a 7 funcionarios venezuelanos, aos que suspende as visas e conxélalle os bens que teñen en territorio estadounidense.

O presidente Barack Obama argumentou esta decisión en que Venezuela é “unha ameaza inusual e extra-ordinaria á seguridade nacional e política exterior” de EUA. Esta inclusión faculta o presidente de Estados Unidos a adoptar medidas e decisións contra este país alén das que aprobe o Congreso.

O anunciou xerou a reacción venezuelana, mais non só. Outros estados latino-americanos tamén se pronunciaron sobre esta medida de EUA. Así, Evo Morales (Bolivia), solicitou unha reunión urxente de Unasur e Celac para que estes organismos rexionais se pronuncien e asuman a defensa de Venezuela. Desde Ecuador, Rafael Correa afirmou que o paso de Washington “debe ser unha broma de mal gusto, lémbranos as horas máis escuras da nosa América, cando tiñamos invasións e ditaduras impostas polo Imperialismo”.

“Preparan unha agresión militar”

Para o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, a decisión do goberno estadounidense é un paso “nefasto e inxusto contra Venezuela”, unha medida que procura derrocar o goberno de Caracas perante a incapacidade da oposición de dereitas para facelo malia os intentos de ‘golpe de estado’. O presidente bolivariano enfatizou que EUA “non ten dereito a agredir Venezuela” e que se está a meter nun ‘sal-se-podes’. Criticou que Obama queira dar leccións de dereitos humanos e lembroulle o que está a acontecer coa poboación negra de EUA e as mortes e brutalidade policial.

Máis duro se manifestou Diosdado Cabello, presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, que advirte que os EUA están a preparar a invasión do país. Afirma que esta decisión hai que enmarcala nunha estratexia “que está planificada” e preguntouse que papel escolle protagonizar “a dereita venezuelana” perante unha agresión e posíbel invasión.

Comentarios