Os EUA cualifican de golpe de Estado a toma do poder en Níxer

A Xunta Militar nixerina reclama a participación en foros internacionais.
Protestas a favor dos golpistas en Níxer. (Foto: Djibo Issifou / DPA)
photo_camera Protestas a favor dos golpistas en Níxer. (Foto: Djibo Issifou / DPA)

O Goberno dos Estados Unidos designou esta cuarta feira de forma oficial a toma militar de Níxer como golpe de Estado, máis de dous meses despois de que un grupo de militares depuxera o presidente nixerino, Mohamed Bazoum, alegando a existencia de problemas de seguridade.

A decisión limita a axuda militar estadounidense a un Estado que o Pentágono cualificou de socio antiterrorista fundamental na rexión. "Manteremos a nosa asistencia humanitaria, alimentaria e sanitaria", sinalou a Administración dos EUA.

Así mesmo, a Xunta Militar de Níxer reclamou esta cuarta feira que a coordinadora residente das Nacións Unidas (ONU) no Estado, Louise Aubin, abandone o territorio nun prazo máximo de 72 horas polas "manobras furtivas" do organismo para impedir a súa participación en foros internacionais e por "prexudicar" a Niamey (a capital de Níxer).

O Consello Nacional para a Salvagarda da Patria (nome oficial da Xunta Militar) mostrou "estupefacción" polas accións do secretario xeral da ONU, António Guterres, ao que acusou de "seguir orquestrando, baixo a instigación de Francia [potencia colonial que dominou Níxer até 1960], impedir a participación plena de Níxer nas distintas reunións do 78 período de sesións da Asemblea Xeral da ONU".

Retirada da ONU en Malí

A Misión Multidimensional Integrada de Estabilización da ONU en Malí (Minusma) confirmou que completou a retirada das súas tropas dos postos de avanzada da cidade de Kidal, no norte do Estado. A Minusma dá un paso máis así no seu plan de retirada, que comezou o pasado 1 de setembro. Durante este mes, a misión ten previsto saír doutros catro campamentos.

Comentarios