A esquerda ecuatoriana impulsará un xuízo político contra o presidente polo asalto á embaixada de México

Os Estados Unidos Mexicanos confirman que denunciaron o Ecuador no tribunal da ONU.
Protesta o sábado en Quito contra o asalto á embaixada mexicana. (Foto: Liao Siwei / Europa Press / Contacto)
photo_camera Protesta o sábado en Quito contra o asalto á embaixada mexicana. (Foto: Liao Siwei / Europa Press / Contacto)

Nunha entrevista coa canle teleSUR, o ex candidato á Presidencia do Ecuador primeiro e á Vicepresidencia despois, amais de ex ministro, Andrés Arauz, trasladou na madrugada da terza feira que a súa formación, a progresista Revolución Cidadá fundada polo ex mandatario Rafael Correa, presentará no lexislativo unha solicitude para desenvolver un xuízo político contra o presidente, o conservador Daniel Noboa.

O proceso, que pode desencadear a súa destitución, súmase ao rexistro dunha petición para dar inicio a un xuízo político contra as titulares de Interior, Mónica Palencia, e Relacións Exteriores, Gabriela Sommerfeld.

Todos os casos están motivados polo asalto na noite da sexta feira da embaixada de México en Quito, a capital ecuatoriana, para arrestar o ex vicepresidente progresista Jorge Glas.

'Lawfare'

O ex vicepresidente foi acusado e condenado entre múltiples indicios de se trata dun caso de lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos, en causas desenvoltas desde a chegada ao poder dos conservadores unha vez finalizado o mandato de Correa en 2017.

Glas, do que a súa defensa asegura que teme pola súa vida, volveu a unha prisión para delincuentes perigosos tras ter que ser desprazado a un hospital, segundo a versión das autoridades ecuatorianas por problemas de saúde causados por non comer.

Denuncia internacional

En paralelo, o presidente mexicano, o progresista Andrés Manuel López Obrador, confirmou que presentaron unha denuncia contra o Ecuador na Corte Internacional de Xustiza, e aseverou que a maneira na que foi violada a súa sede diplomática deixa entrever que Noboa contaba co “apoio doutros Gobernos ou potencias”.

Comentarios