O desfile militarista realizado o pasado 12 de outubro en Madrid significou para as arcas públicas do Estado español un custo de 912.536 euros, o que supón 30% máis que o ano anterior, segundo os datos que o Estado Maior da Defensa pendurou do portal de Transparencia.
Dese total de gasto, 566.838,4 euros foron para dietas, vehículos, combustíbel, reunións, megafonía ou sanitarios, o que supón até aí un custo semellante ao do desfile de 2018.
Mais este ano empregáronse a maiores 345.698 euros para España trasladar tropas de Líbano, Senegal, Mauritania e Malí a Madrid para desfilaren nun lugar preferente como países invitados.
Máis de 4.200 militares e de 70 aeronaves e 150 vehículos desfilaron este 12 de outubro, nun evento de exaltación españolista que recorda a conquista de América, e onde a anécdota estivo no incidente do paracaidista que portaba a bandeira rojigualda e que ficou pendurado dunha farola.
No desfile estiveron presentes todos os presidentes autonómicos menos os das nacións catalá e vasca, Quim Torra e Iñigo Urkullu.