SERMOS EN PORTUGAL (e 3)

O que está escrito e o que non sobre o lume en Pedrógão

Na cuarta feira os incendios en Pedrógão e en Góis estaban case baixo control. Mentres no lume que afecta a rexión de Leiría se puña todo en cuestión, desde a versión oficial da orixe do sinistro até a eficacia do sistema de comunicacións, en Castinheira da Pêna celebrouse pola tarde o funeral polo bombeiro Gonçalo Conceição. As estimacións oficiais falan de 50.000 hectáreas perdidas entre os dous lumes. Case todo eucaliptos e piñeiros.

António Costa (arquivo).
photo_camera António Costa, onte no funeral do bombeiro en Castinheira da Pêna

”Está escrito alí, na Biblia”, recorda con ese fatalismo tan atlántico María Vitoria, unha muller de 78 anos que sostén unha chave grosa, a das portas da súa casa, esta, por riba do toldo do bar, na praciña de Vila Facaia onde o sábado contra as sete da tarde o inferno caeu do ceo. “Certo, está escrito, díselle o Apocalipse, na Biblia”, constata Mercedes, a dona do bar alugado na casa de María, 73 anos. “Nunca na vida vimos nada así, mais tiña que pasar”, din as mulleres, “eran linguas de lume”. María amarra a chave e ten medo porque coñece o resto do libro.

Pola tarde, no quinto día de fogo e dor no centro de Portugal, o primeiro ministro, o socialista António Costa, detense e mira cara atrás cando sae do centro de bombeiros voluntarios de Castinheira de Pêra onde comeza o funeral por Gonçalo Conceição, o bombeiro voluntario, a vítima que recolle a compaixón dun país que quer chorar aos mortos mais non os ve. António Costa mira facerse o inferno. A xente, unha multitude nunha vila pequena, non máis de tres mil habitantes, garda silencio diante do home que estaba intentando rescatar a Portugal do abismo. O futuro de Costa comeza estes días a se escribir aquí, nesta rexión que se explica pola miseria, pola cobiza produto da miseria e polo esquecemento que produce miseria.

Milagros e María en Vila Facaia na cuarta feira

Xestión de crise

O quinto día do gran lume en Portugal -64 mortos e 204 feridos- afondou na crise política na que se está a converter a pésima xestión do sinistro. A primeira hora da mañá, as dificultades de coordinación do dispositivo quedan en evidencia na rolda de prensa que ofrece o comando en Avelar, que dirixe as operacións no lume de Pedrógão.

Vitor Baz Pinto na rolda de prensa desta cuarta pola mañá

Vítor Baz Pinto é o portavoz único desde a segunda feira, pertence a Protección Civil. Senta no centro e aos lados un representante da GNR e outra do INEM (Instituto Nacional de Emerxencia Médica). Baz Pinto esfórzase en explicar o erro do día anterior, cando os meios de comunicación deran noticia do accidente dun dos hidroavións e o comando tardou unha hora en desmentilo mentres informaba de que enviara medios de socorro. Suma máis confusión. Despois insiste en subliñar o traballo de 198 organizacións, a maioría axencias gobernamentais (como a GNR ou o INEM). Pola sede do comando en Avelar circulan a diario algunhas delas: a Orden de Enfermeiros, os bombeiros voluntarios, os profesionais, o Exército, os psicólogos de Auxilio Social, Protección Civil, Cruz Vermelha...

Na rolda de prensa, Baz Pinto di que non ten dados que a continuación refere a médica: 552 auxilios psicolóxicos, 179 feridos en Pedrógão e 25 en Góis, hai 7 graves, un deles é unha crianza. Despois o portavoz único responde que non hai dados de superficie e cédelle a palabra á GNR que di que estiman 30.000 hectáreas afectadas, mais non especifica cantas en Pedrógão e cantas en Góis. E Baz Pinto insiste en que este é só o comando do incendio de Pedrógão. Tampouco é quen de estabelecer a lonxitude do perímetro do incendio apenas dez minutos despois de ter dito que 95% do perímetro está fechado e que ese 5% no que se combate terá “uns 20 quilómetros”. A prensa lusa puxo esta cuarta feira o albo no sistema de comunicacións. E Baz Pinto recoñece que sofre cortes “de un minuto ou medio minuto” mais que iso non repercute nas operacións porque hai “sistemas redundantes”, os móbiles. O portavoz de todas esas axencias gobernamentais tampouco é quen de rebater o presidente da Cámara Municipal de Pedrógão que puxo en cuestión a versión oficial sobre as causas naturais da orixe do fogo. Di que eles son comando de combate, que as investigacións as levan outros, a Policía Judiciaria. Non hai desmentido, é unha hora despois, Jaime Marta, representante dos bombeiros voluntarios, sae dicindo que ve unha man criminal detrás do incendio. Pola noite, os debates nas televisións engaden o tema do día: foi un raio o que principiou o Apocalipse ou foi a cobiza dos homes?

As vítimas, desaparecidas

“Sei que eu mesmo utilicei o termo aquí estes días, pero non me gusta a palabra evacuados”, di Baz Pinto que non deixa un charco sen pisar. Tampouco hai cifras do número de persoas que foron evacuadas estes días. Baz le a lista completa das aldeas nas que se ordenou na terza feira sacar a xente: 23 en Pedrógão. Onte o lume deu descanso e os meios aéreos traballaron sen tantas présas. A crise, no monte, semella controlada. Na axenda pública, os focos multiplícanse.

No Lar dos Idosos de Pedrógão, as casacas verdes das voluntarias foron substituídas polos uniformes marróns da Cruz Vermehla. Imposíbel falar con Mário, o veciño que estaba alí hai dous días e que si acredita na versión oficial porque escoitara caer raios. Unha muller en actitude marcial indica que para calquera información hai que dirixirse ao centro de operacións de Figueiró dos Vinhos, no que o día anterior xa advertiran que cos desprazados nin se pode falar nin tirarlle fotos. A Cruz Vermelha ao mando. Baz Pinto ao mando. E António Costa mira para atrás na procura do seu goberno. Da Ministra de Administración Interna, Constança Urbano, que dá as condolencias aos bombeiros no enterro que está tendo lugar na cuarta en Castinheira da Pêna. Portugal non precisa heroes, só busca vítimas ás que chorar.

Alves e Teresinha na súa casa de Escalo Fundeiro, a trescentos metros de onde comezou o lume

Soan as campás da Igrexa pequena, nesta vila ao pé das serras ardidas. Até aquí chegou o lume. En todo o país ser bombeiro é un orgullo, “unha tradición”, din veciños que vén pasar o féretro, e as bandeiras das distintas agrupacións, os uniformes, a xente nun silencio inmenso. É a homenaxe nacional aos mortos e ás vítimas. Marcelo Rebelo de Sousa, o Presidente da República, deu o pésame á muller do bombeiro e marcha seguido dunha morea de xornalistas, estase a converter nun heroe.

Aos centros de coordinación de cada concello seguen chegando alimentos, a toneladas. Vanse distribuíndo. Mentres, o Exército viaxa polas aldeas preguntando se se bota a faltar a algún veciño, se precisan algo e se precisan que acudan á municipalidade. “Temos que continuar a nosa misión. Obrigado”.

Na mañá da quinta feira, o Goberno reacciona adiantando dez días, a hoxe, o período oficial de máxima alerta. Desde Góis, infórmase dunha estimación oficial, 20.000 hectáreas alí. Total: 50.000 hectáreas.

As bolas de fogo

“Vimos bolas de fogo, nós tamén”, din dúas mozas diante da casa de cultura de Vila Facaia. “Veu de alá”, sinalan cara ao leste. As faíscas, ardendo, convertidas nunha onda de lume e fume por riba da aldea. Sería por volta das seis ou sete da tarde. Oficialmente, o lume comezou pouco antes das dúas a uns dez quilómetros de aquí. “Houbo un momento de moito vento e deu en avanzar rápido, nuns minutos vimos a aldea rodeada, comezaron a arder casas arriba e abaixo”, din as mozas. João, nun cabo da aldea, colleu o coche e marchou cunha amiga cara a Figueira. “Foi un erro. Baixamos por esta estrada cara abaixo, o lume xa pasara a outro lado. E ao chegar ao cruzamento fomos para Figueira porque temos familia alí. Outra xente tirou cara arriba, pola nacional 236”.

Marcelo Rebelo de Susa presidente República en Castinheira da Pêna

Na N236 pola que sobe e baixa a diario a comitiva do Presidente da República, comezaron onte as obras de reparación do firme. Comezaron polo asfaltado da recta onde pereceron a maioría das vítimas mortais do lume. O firme inda tiña as pegadas da traxedia. Estanas borrando.

A estrada que vai cara a Sarzedas de São Pedro segue chea de ramas, piñas e restos do lume. De por aquí eran seis dos mortos. Na primeira casa da aldea prepáranse para un enterro, moi cedo antes do almorzo. Nesta parte, todas as casas foron afectadas. Norelinda, que leva apósitos nun brazo e nas pernas, e António, que rega os tomates, o único que salvaron. Conta que o neto, 17 anos, colleu o tractor e apagou el só o lume xunto á vivenda. Está en Coimbra, onte empeorou, queimado nas costas. Viron vir o lume e en dous minutos estaban no coche, cara arriba, cara á nacional. Mais ao chegar ao final da aldea a muller botou a man ao volante e díxolle a António que parara. “Estivemos naquela casa da cima, no baixo de atrás, nós e un veciño, con mangueiras”, di ela. “A primeira hora foi terríbel, tiñamos o lume ao lado, eu a botarlle a ela auga por riba para que non caera, que non perdera o sentido. A segunda hora foi o fume. Nin se podía respirar. Aquí na aldea todos vimos a morte ese día”.

Thiag e Camilo xunto aos coches que arderon diante do seu taller en

En Sarzedas teñen Thiago e Camilo, o pai, un taller de coches. Volveron ao traballo. Diante do garaxe hai tres vehículos calcinados. Na parte de atrás da casa o tornado de lume levantou e retorceu o tellado metálico. Así quedaron moitos na zona. “Estabamos aquí cerca, viñemos a defender a casa, cando nos puxemos coas mangueiras o lume estaba alá arriba, tardou dous minutos en chegar”, conta o fillo. Por diante do garaxe comezaron a pasar coches, cara arriba, fuxindo. “Algunha xente morreu dentro, houbo quen saíu e meteuse polo queimado e morreu co fume”. Eles chamaron ás emerxencias. Non apareceu ninguén até o domingo. A Norelinda recolleuna unha ambulancia xa de madrugada, cando deu en arder a casa de enfronte e apareceron por fin os bombeiros. “Ficamos sozinhos, e así seguimos, somos a última aldea de Castinheira da Pêna e por aquí non veu ninguén até hoxe, a preguntar se sabíamos de un... os alimentos trouxéronos de Pedrógão”, lamenta António.

Onde comezou todo

A Policía Judiciaria ten proba científica e testemuño de que o fogo comezou nunha árbore en Escalos Fundeiro, asegura un experto no debate da noite nunha televisión. En Escalos Fundeiro, a menos de dez quilómetros ao leste de Nodeirinho, Vila Facaia, Sarzedas, Salaborda Velha, Moita -as primeiras poboacións que sufriron o impacto das bolas de lume-, Teresinha e Alves -el era camioneiro no serradoiro que ardeu na Moita-, un matrimonio que vive a uns centos de metros onde din que ese día naceu o inferno, din que foi alí, mais que non teñen a certeza de que fose un raio. “Nesta zona non houbo treboada, pode que perto de aquí si a houbese, mais aquí ninguén escoitou caer ningún raio... o que si ouvimos e vimos, o día anterior, na sexta feira, foron dúas avionetas voando moi baixiño”, di a muller abundando nas sospeitas de que o inferno veu da man humana, da cobiza e da miseria.

António Costa, o primeiro ministro, sabe que estas cousas pasan, que en política non é o fatalismo o que acaba convertendo os heroes en inútiles. A xente olla para el en silencio mentres busca as vítimas e os culpábeis.

Nota: As fotos inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., son: (1). Milagros e María en Vila Facaia na cuarta feira; (2). Marcelo Rebelo de Susa presidente República en Castinheira da Pêna; (3). Alves e Teresinha na súa casa de Escalo Fundeiro, a trescentos metros de onde comezou o lume; (4). Marcelo Rebelo de Susa presidente República en Castinheira da Pêna; (5). Thiag e Camilo xunto aos coches que arderon diante do seu taller.

Comentarios