Sermos en Pedrógão Grande

Adelaida, que salvou sete vidas e media, e Belinha, que perdeu todo

Onte o día espertou con moita calor. Os fogos reactiváronse en Góis pola mañá e en Pedrógão pola tarde. Volveu haber evacuacións. Víronse xigantescas columnas de fume. O pesadelo no incendio no centro de Portugal continúa: hai 58 quilómetros de frontes. Dous mil bombeiros e miles de voluntarios traballan sen apenas descanso.

Belinha, na súa casa
photo_camera Belinha, no que fica da súa casa

Adelaida vive en Lisboa, mais naceu en Nodeirinho e a sexta feira chegou para pasar aquí uns días. Ten unha casa no alto da aldea, “a casa das vacacións”. Veu sozinha. O sábado salvou sete vidas e outra media que se debate na unidade de queimados do Hospital de Coimbra. A media vida é a dunha muller emigrada cincuenta anos en Francia que tamén vén a aldea de cando en vez. As outras sete eran tres crianzas e as nais e os pais delas.

Adelaida, en Nodeirinho 1

O sábado, por volta das oito, Adelaida foi pechar unha porta que batía no patio traseiro. “Rapidamente comezaron as potas, os vasos, todo a arrastrase. Foi un vento, un vento enorme... e veu do lume, con follas incandescentes. Desde detrás da casa para acá”. Adelaida estaba despedíndose na porta principal dunha parella, emigrantes en Francia. Marchaban no coche. Camiñaron douscentos metros, tomaron á curva que fecha a aldea por esta parte e Adelaida non volveu saber del, Afonso Dos Santos Conceição, 76 anos. Foi no mesmo refacho que fixo voar os utensilios no patio de Adelaida. O coche carbonizado inda está no sitio esta terza feira, cuarto día do incendio, á entrada de Nodeirinho, a aldea que perdeu once veciños no sinistro. Entre tanto Adelaida procurou refuxio na casa, pechou as fiestra. Comezaron a arder catro casas. Unha detrás, outra a cada lado, outra diante. “Todo ao mesmo tempo”. Casas sen xente, unha delas a de Afonso. O fume cobría a vista. Ardían máis casas pola aldea abaixo. Parou un coche. Unha familia, dous fillos, que non sabían que facer. “Batín na xanela, el saíu e pediu abrigo”. Adelaida meteunos na casa e eles chamaron por outra parella cun neno. Comeran xuntos esa tarde en Nodeirinho. Fóra non se respiraba. Fume e fogo. Foise a luz, prenderon velas e acubillaron os rapaces nunha habitación. Branca de cobertores brancos. “Pase, pase. É unha casa portuguesa”, fala Adelaida, coma no fado, acolledora. Dentro, con todo fechado, de cando en vez saían ao alto da escaleira, a mirar para aldea. Pasaron horas. Contra a media noite viron a muller de Afonso tirada na estrada diante da casa. “Veu até aquí arrastrándose, pasaran polo menos catro horas, debeu saír do coche e baixou, moi ferida, collemos toallas, falaba, non sabía do marido, un dos homes era enfermeiro, estivemos a chamar e ás dúas ou ás tres veu unha ambulancia”. A Nodeirinho, aquela parte, non entrara ningún equipo de socorro até entón. Non viñeron máis até pola mañá. Na casa esperaron a que ardera todo arredor antes de volver saír. Felisminda segue no hospital, onde os queimados, hai 24 vítimas do incendio internadas na mesma unidade.

A madeira

A madeira que lle daba a vida a esta rexión -madeira e turismo- era tamén o sustento de Belinha, que na terza está de paso pola súa casa do lugar de Ervideira, na N236, un pouco máis arriba de Nodeirinho, a “estrada da morte” que António Costa, o primeiro ministro, pediu investigar e na recta da traxedia andaban onte os investigadores. A casa de Belinha non ten tellado, as paredes tamén están danadas. O sábado Belinha estaba nas Lagoas, coa nai. Sobre as cinco da tarde chamaron por teléfono á filla e o xenro. “Era o patrón, Álvaro David, que foran para Pedrógão que estaba arder o serradoiro”. Álvaro veuse despois para Ervideira, porque o lume ameazaba a nave central do negocio. “A filla e o xenro xa non puideron pasar, a GNR díxolles que elixiran: quer vida ou quer traballo?”. Ficaron sen traballo, os tres; e o patrón sen empresa. A nave central está diante da casa de Belinha, hai coches carbonizados, un deles o da filla, tractores, máquinas de cortar e recoller madeira, varios camións. Uns trescentos mil euros en maquinaria, di o fillo na casa do patrón, na Moita, uns quilómetros máis arriba. Alí os madeireiros tamén sufriron. No serradoiro que está na estrada cara a Pampilhosa da Serra tamén hai maquinaria queimada, e uns bombeiros tratan de apagar o monte de casca que leva catro días fumeando.

Nodeirinho, carro no que morreu un home e saiu queimada a muller hospitalizada en Coimbra

David Francisco, o fillo, saíra para para protexer a casa dos avós. A súa casa, a carón do serradoiro na saída de Moita, ficou soa e sufriu o lume. “Tiñamos moitos terreos con árbores, tamén cultivos. Perdemos todos. Eucaliptos, piñeiros... Eramos unhas dez persoas traballando cando había moito traballo na empresa. A madeira ía para Zaragoza ou para Figueira da Foz, e tamén para unha fábrica de pellet na Graça que ardeu toda”.

Louriceira, fronte na terza feira 18.00 cuarto día do incendio

No serradoiro de Moita, o patrón está mañá é tamén un dos fillos. Descúlpase. Non quer falar, “teño moita tarefa”. Están retirando a maquinaria destruída. Un dos homes que axudan, torce o xesto. “Veremos que pasa agora, a industria da madeira ficou arrasada aquí”. Coma unha casa sen tellado.

Máis evacuados

O comando de Góis emite pola noite o parte do día: 27 aldeas e 150 persoas evacuadas en Góis, 5 frontes activas. O de Avelar: 3 poboacións en risco, Louriceira, Ouzenda e Tojeira, e 1 fronte activa. En Góis o lume está da parte da serra de Pampilhosa, no este. En Pedrógão vai queimando o que queda até a marxe dereita do Zêzere e o que levan coidando centos de bombeiros espallados desde Alvares até o sur da Serra de Lousã, que non se perdan máis aldeas, que non se xunten os incendios. O perigo subiu esta terza até os máis de mil metros de Coentral. As lapas fixeron que se cortaran varias estradas que unen Pedrógão con Góis e que a tarde anterior parecían seguras. En Venda da Gaita os Canadair pasan moi baixo camiño dos chalés Louriceira. En Ouzenda traballan os helicópteros. Protección Civil ten que desmentir un accidente dunha das aeronaves mentres á Venda da Gaita chegan por fin os primeiros evacuados de Louriceira. “Levamos tres horas parados desde que se dera a orde. Esperando alá arriba a poder pasar por culpa do fume”, conta un dos voluntarios. A xefe improvisa unha rolda de prensa no cruzamento que vixían os gardas da GNR. Os maiores, unha ducia deles, viñeron en dous autobuses para se aloxaren no Lar dos Idosos. Os nenos foron para outro lado. “Quedan alá as persoas que poden valerse, mais baixo a súa responsabilidade. Están tratando de salvar as casas”. Son as cinco da tarde. Ás seis, as columnas de fume que se levantan desde Louriceira e Ouzenda ensombrecen o encoro de Cabril. Hai 1.400 homes, 450 vehículos e sete aeronaves na zona, din as autoridades. Ás sete os avións comezan a atallar o lume. Pola noite quedan uns círculos de chamas a pé da auga. O lume continúa arrasando monte, hortas e ameazando casas dentro dun perímetro amplo no incendio: 58 quilómetros. Imposíbel de controlar.

Maquinaria do madereiro de Ervideira

Case cada hora hai unha alerta. Algunha en sitios curiosos, como ás costas do comando de Avelar xusto despois do xantar, cheo de militares, voluntarios, bombeiros, gardas, mesmo sanitarios do centro de saúde e do hospital próximos, e dunha morea de técnicos e xornalistas das televisións. Soaron as sirenas e todo o mundo deu en correr mentres un helicóptero do Exército agardaba no campo de fútbol da Avelairense para levar a algunha autoridade de visita polo incendio. Os baixos do campo, o local social do club, son un comedor improvisado estes días, e o domingo foron tamén habitación. Os desaloxados andan espallados polos concellos veciños. A Cruz Vermelha non quere ensinar os locais que xestiona. En Figueiró dos Vinhos, nun pavillón de deportes coa pista chea de colchóns e camas de campaña, non permiten facer fotos nin falar cos desprazados. Hai centos de voluntarios, da Cruz Vermelha, cada día máis visíbeis nos centros de coordinación, recollendo e repartindo alimentos. Non hai inda unha cifra de desprazados. A xente, comezando polo primeiro ministro, urxe respostas. Esta terza feira sóubose que o Plan Nacional de Defensa da Foresta non se actualiza desde o ano 2012. “Somos un país hábil para facer leis, pero non para aplicalas”, láiase Jaime Marta, representante dos bombeiros, estes días moi presente nas televisións.

Evacuados de Louriceira, ás 17.00 horas en Venda da Gaita. Tardaron tres horas en saír 2

Na terza houbo dous funerais en Pedrógão, informan nunha das televisións, que oferecen debates a diario sobre o modelo de xestión forestal do país. Semella que fan as preguntas e sorpréndese coas respostas. As autoridades permiten funerais desde este cuarto día de incendio, prefiren que sexan colectivos, di a xornalista, mais a poboación non coñece nin a hora, “prográmanse enriba da hora”. Non aumentou o número de mortos (64), avanzan as identificacións (onte outras 36 e xa van máis da metade). Son identificacións indirectas, non é posíbel facelo nin con mostras de ADN nin a través das placas dentais. Os medios portugueses asumen que a causa do incendio foi un raio nunha tormenta seca, e comezan a descobrir que Portugal non ten hidroavións, que os helicópteros levan menos carga que os da empresa que había antes, que o Estado non cumpre as normas que define o plan primario de defensa contra os incendios, que as cámaras municipais tampouco atenden a obriga de facer limpeza para as faixas de seguridade nas estradas e que os xuíces e a policía ollan para outro lado. O Exército, que se mantiña nun segundo plano, decidiu activar un avión que coordina os voos das aeronaves sobre a zona de operacións. O avión apareceu despois de que saltase a alarma por un accidente que non sucedeu. Mentres, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) acaba de chegar a Portugal coas televisións españolas e algunha autonómica empotradas para o seu desfile habitual. A Xunta, da súa parte, manda autobombas, camións e bombeiros e axentes forestais. Comezarán a traballar hoxe.

Nota: As fotos inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son: (1) Adelaida en Nodeirinho; (2) Nodeirinho, carro no que morreu un home e saiu queimada a muller hospitalizada en Coimbra (3). Maquinaria do madereiro de Ervideira; (4). Louriceira, fronte na terza feira 18.00 cuarto día do incendio; (5). Evacuados de Louriceira, ás 17.00 horas en Venda da Gaita. Tardaron tres horas en saír.

Comentarios