As enquisas auguran a volta da extrema dereita ao poder en Italia 77 anos despois

A coalición liderada por Irmáns de Italia sitúase no 45% dos votos.
A presidenta de Irmáns de Italia, Giorgia Meloni, durante a campaña das eleccións nas que aspira a converterse en primeira ministra. (Foto: Gabriele Moroni / LaPresse via ZUM / DPA)
photo_camera A presidenta de Irmáns de Italia, Giorgia Meloni, durante a campaña das eleccións nas que aspira a converterse en primeira ministra. (Foto: Gabriele Moroni / LaPresse via ZUM / DPA)

Desde o axustizamento do ditador Benito Mussolini en 1945, a extrema dereita chegou a ocupar algún cargo de Goberno en Italia por medio da Liga de Matteo Salvini, como no gabinete de Silvio Berlusconi ou Giuseppe Conte, tras ser quen de alcanzar 17% de voto nas eleccións xerais de 2018.

Porén, nesta ocasión, todas as enquisas coinciden en que as forzas neofascistas non só se imporán nos comicios do 25 de setembro, senón que liderarán a coalición gobernamental cunha posíbel maioría absoluta da man de Giorgia Meloni, candidata de Irmáns de Italia.

Após a ruptura do Executivo de concentración de Mario Draghi por mor da negativa do Movemento 5 Estrelas (M5E) a aprobar un plan para a recuperación económica, que levou á convocatoria electoral pola dimisión de Draghi, Meloni chegou a un acordo con Salvini e con Berlusconi (Forza Italia) para integrarse na denominada coalición de centro dereita, na que a forza que reciba un maior número de votos encabezará o futuro gabinete. A media das enquisas sitúan a agrupación na órbita do 45% dos sufraxios, localizándose perto da maioría absoluta na Cámara de Deputados e no Senado. A meirande parte deste apoio provén de Meloni (24%), seguida de Salvini (13%) e Berlusconi (8%), convertido no representante da única forza da coalición conservadora que non é de extrema dereita.

Por parte da coalición de centro esquerda, que agrupa o Partido Democrático (22%) de Enrico Letta, a Europa Verde/Esquerda italiana (3,5%) e a pequenas formacións como Máis Europa (2%) e Compromiso Cívico (1%), unha alianza electoral na que está integrado o ministro de Asuntos Exteriores Luigi Di Maio despois de romper co M5E hai poucos meses. Os traballos demoscópicos colocan a coalición aproximadamente no 30% de intención de voto.

O M5E, a forza máis votada en 2018, ficaría arredor do 11%, e Acción/Italia Viva, onde se enmarca o ex primeiro ministro Matteo Renzi tras negarse a chegar a un acordo con Letta, obtería 7%.

Primeira muller que chegaría ao cargo

A pesar de que hai catro anos Irmáns de Italia apenas superou 4% das papeletas, ao longo deste período foi medrando entre mensaxes de Meloni contra a comunidade Lgtbi+, a “ideoloxía de xénero”, a “inmigración ilegal”, ou a favor da imposición do cristianismo no país, con declaracións como “si á universalidade da cruz, non á violencia islámica”.

Amais, relativizou en múltiples ocasións a figura de Mussolini, chegando a soster nunha entrevista que “teño unha relación pacífica co fascismo”. Os saúdos fascistas espállanse nos seus actos e o logo mesmo da formación evoca un dos símbolos do ditador, a bandeira italiana nun lume.

Entre as propostas de Meloni, que se convertería na primeira muller en acadar a Presidencia do Consello de Ministros (primeira ministra), está a creación de corpos policiais cidadáns e vixilancia por medio de cámaras nas cidades, impulsar a enerxía nuclear ou unha taxa fixa de impostos sobre as ganancias do ano anterior.

Tamén defende unha reforma do sistema electoral do país que permita a elección directa do presidente da República, que agora é elixido polo lexislativo, virando cara a un réxime presidencialista.

O mandato de Mattarella remata no ano 2029

O actual presidente italiano, Sergio Mattarella, foi reelixido para un segundo período de sete anos en febreiro. De xeito semellante ao acontecido co ex presidente Giorgio Napolitano en 2013, Mattarella non quería recuncar, mais a inestabilidade da situación política e a falta dun sucesor de consenso obrigárono a estender o seu período. Unha das principais misións do presidente transalpino é manter o equilibrio entre os poderes públicos.

Comentarios