Salvini, a xuízo por "secuestro de inmigrantes"

A organización Open Arms celebrou a decisión xudicial e mostrou a súa felicidade "por todas as persoas vulnerábeis salvadas até agora no mar da vergoña".

EuropaPress_3636652_08_april_2021_italy_rome_lega_nord_leader_matteo_salvini_speaks_to_the
photo_camera O líder da Liga e ex ministro, Matteo Salvini, atendendo os medios en Roma a semana pasada (Mauro Scrobogna / LaPresse)

O xuíz Lorenzo Janelli, da audiencia preliminar do tribunal de Palermo, ditaminou que o ex ministro do Interior italiano e líder da ultradereitista Liga, Matteo Salvini, terá que ir a xuízo polo seu papel no bloqueo dun barco con inmigrantes a bordo que tentaba desembarcar en Sicilia en 2019.

A Fiscalía acusou a Salvini de secuestrar aos inmigrantes que ían a bordo do barco de rescate Open Arms ao impedir o seu desembarco, no principio dun proceso legal que se podería dilatar durante anos.

Segundo o folio de cargos da Fiscalía, considérase que Salvini cometeu un delito ao manter o barco da ONG Open Arms parado no mar durante seis días, con 147 inmigrantes a bordo, nos primeiros días de agosto de 2019, antes de que un tribunal ditaminase o desembarco e a posterior incautación do buque.

Na súa primeira reacción nas redes sociais, Salvini confirmou o ditame do xuíz e declarouse inocente das acusacións.

"De verdade vou a xuízo por isto? Por defender ao meu país? Pois vou acudir coa cabeza ben alta. Italia primeiro. Sempre", escribiu Salvini.

A ONG Open Arms aplaudiu a decisión na súa conta de Twitter. "Salvini a xuízo acusado de secuestro de persoas e omisión. Estamos felices por todas as persoas que rescatamos naquela misión e por todas as persoas vulnerábeis salvadas até agora no mar da vergoña", destacou.

 

Comentarios