Italia

O presidente Mattarella acepta a dimisión de Mario Draghi: e agora, que?

O Goberno de 'concentración' que lideraba o ex presidente do Banco Central Europeo, con formacións de esquerda, centro e dereita, dinamítase antes de chegar aos dous anos de vida.
O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O agora ex primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)

Fin da 'era Draghi' en Italia. O presidente da República, Sergio Mattarella, aceptou na mañá desta quinta feira a renuncia como primeiro ministro de Mario Draghi, un día despois de perder novamente o apoio de boa parte das forzas políticas que integran o seu Goberno de 'concentración'.

Draghi, que xa presentara a súa dimisión a pasada semana —rexeitada por Mattarella—, foi sometido esta cuarta feira a unha moción de confianza no Senado italiano e, se ben superou o trámite, houbo máis abstencións que votos favorábeis á súa xestión malia sumar o seu Executivo 77% dos escanos totais do Senado.

Isto debeuse a que as formacións de dereita Forza Italia —liderada por Silvio Berlusconi— e Lega —Matteo Salvini—, así como o Movimento 5 Stelle —Giuseppe Conte— decidiron non apoiar Draghi, que optara por continuar no cargo se a coalición ficaba unida.

Quen fora presidente do Banco Central Europeo presentou agora unha nova solicitude de renuncia que, desta vez si, Mattarella aceptou, polo que a cidadanía italiana será chamada ás urnas este outono.

Os intereses partidistas da Lega, Forza Italia e o M5S forzaron esta situación, ao entender estas formacións que poderían obter un maior rédito fóra deste Goberno que encabezou Mario Draghi en febreiro de 2021 por encargo do presidente da República, nun momento de máxima incerteza e gran división no país. De feito, as enquisas auguran unha vitoria folgada das dereitas.

Tres gobernos en catro anos

Desde os anteriores comicios, en 2018, Italia contou con tres gobernos diferentes. O primeiro, liderado por Giuseppe Conte —daquela independente—, tiña ministros e ministras do M5S e a Lega, mentres o segundo, novamente con Conte á cabeza, expulsou a Lega de Salvini e deu entrada, xunto ao M5S, ao Partido Democrático (PD), Italia Viva (IV) e Liberi e Uguali (LeU) —formacións de centroesquerda—.

Finalmente, o terceiro Executivo, o de Draghi, coa entrada das principais formacións de todo o espectro político: M5S, Lega, Forza Italia, PD, IV, LeU, Articolo 1, Mas Europa e Centro Democratico.

Comentarios