Italia: "Mai più fascismi"

O fascismo, como un virus, busca acceder ao sistema para destruílo desde dentro. O descontento en parte da poboación italiana coa política de vacinación levou a mobilizacións nos últimos meses, que a extrema dereita, en toda as súas variantes, tenta instrumentalizar. O sábado pasado superou varios límites e hoxe terá unha resposta democrática.
20110307_Roma_Palazzo_della_Civiltà_Italiana_fronte_-_lato_sx
photo_camera O "Colosseo Quadrato" de Roma, símbolo da arquitectura fascista (Foto: Blackcat / Wikimedia / CC)

"Fascismos nunca máis". Baixo este lema está convocada para hoxe unha gran manifestación en Roma, que se agarda sexa multitudinaria, como forma de resposta ao ataque contra a sede da Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL) por parte de militantes da formación neofascista Forza Nuova hai unha semana.

Italia está inmersa nunha fonda controversia pola instauración do Pase Verde, 'o pasaporte Covid' que desde onte é necesario tamén para acceder aos postos de traballo. En agosto estabeleceuse a súa obrigatoriedade en eventos culturais e deportivos e en bares e restaurantes. En setembro, nas viaxes en avión, barco, tren ou bus, así como nas universidades.

Agora, a lei exixe que cada traballador, ben sexa do sector público ou privado, mostre o certificado que proba que está vacinado, se recuperou recentemente ou conta cun test negativo da Covid-19. En caso contrario, considérase unha ausencia laboral inxustificada, segundo informa La Repubblica.

A controvertida norma, estabelecida para impulsar a taxa de inoculación (72,2% con pauta completa, onte), levou ás rúas de Italia numerosas persoas nos últimos meses. Son grupos antivacinas, como NoVax, con infiltracións de forzas da ultradereita parlamentaria e extraparlamentaria que buscan navegar esta onda de descontento. 

Tensión política

O sábado pasado alcanzouse o cénit cando a mobilización se tornou violenta e unha ducia de membros de Forza Nuova ─partido que apenas logra votos nos diferentes comicios lexislativos, nin cando vai coaligado─ asaltaron a sede en Roma do CGIL, o principal sindicato do país, e tentaron acceder á oficina do primeiro ministro, Mario Draghi. Unhas 10.000 persoas participaron na mobilización, a maior en Italia contra as restricións pola Covid, de acordo co Corriere della Sera.

A Confederación Italiana de Sindicatos de Traballadores (CISL) e a Unión Italiana do Traballo (UIL), segunda e terceira centrais en número de afiliados, uníronse na convocatoria á manifestación de hoxe, que partirá ás 14 horas da praza San Giovanni de Roma. Primeiro, como mostra de solidariedade obreira; segundo, como mostra de rexeitamento ao fascismo; e terceiro, para que en último termo organizacións como Forza Nuova sexan ilegalizadas.

Mais "o ambiente está tenso", tal e como relata Il Manifesto. Na quinta feira houbo un ataque cun cóctel molotov á sede do CGIL en Jesi, perto de Ancona (no Adriático central). Un veciño logrou apagar o incendio antes de que se puidese estender. Onte tamén se rexistraron pequenas protestas contra o Pase Verde, algunhas espontáneas, en varios cidades, como Roma, Milán ou Xénova. 

Tensión laboral

O contexto político mistúrase co laboral: en Trieste, no maior porto de petrolífero do Mediterráneo, a estiba convocou un paro. "Non é unha medida sanitaria, senón unha medida de discriminación e de chantaxe que exixe que unha parte importantes dos traballadores teñan que pagar para poder traballar", declararon á RAI Stefano Puzzer, portavoz da Coordinadora de Traballadores do Porto de Trieste, en referencia ao custo dos tests para probar a negatividade.

Calcúlase que arredor de 40% dos traballadores deste porto e 20% dos de Xénova non contan con Pase Verde. O Ministerio do Interior propuxo na quinta feira a gratuidade dos tests para estes operarios, mais a oferta foi rexeitada. Puzzer argumentouno afirmando que o Goberno "instiga á violencia" con este tipo de medidas, "demostrando que quen saca os puños é quen pode lograr privilexios".

Unha reflexión que foi apañada ao voo por políticos a destra e sinistra, como Matteo Salvini, líder da ultradereitista Liga, ou Enrico Letta, líder do socialdemócrata Partido Democrático, que criticaron a discriminación con respecto a outros sectores profesionais.

Xornada de reflexión

Salvini e Giorgia Meloni, presidenta da tamén formación de extrema dereita Irmáns de Italia, mostráronse moi críticos coa proposición presentada esta semana no Parlamento para ilegalizar Forza Nuova, subliñando que se trata dun ataque á liberdade de expresión. E tamén coa manifestación sindical conxunta de hoxe contra o fascismo, por coincidir coa xornada de reflexión das eleccións locais en Roma e Turín. 

Ao respecto, o constitucionalista Gaetano Azzariti declarou na quinta feira á axencia de noticias Adnkronos que a mobilización "non vulnera a xornada de reflexión". "Non está organizada por un partido político, senón por una organización sindical [...] O tema da manifestación é a violencia, un asunto polo tanto que está fóra do ámbito do debate político; e ademais todos os partidos do arco constitucional, coas súas sensibilidades, expresaron unha clara distancia cos actos de violencia do pasado sábado", explicou. 

Buses e trens especiais chegarán hoxe a Roma das rexións da Liguria, do Piamonte, dos Abruzos, das Marcas, da Toscana ou de Emilia Romaña, que estará representada oficialmente detrás da pancarta principal pola vicepresidenta rexional, Elly Schlein. Tamén o municipio de Nápoles, así como numerosas organizacións, como a asociación político-cultural ARCI; a de partisanos ex combatentes contra os nazis ANPI; ou a rede de centros fronte a violencia contra a muller D.i.RE. O evento será transmitido a través da web de Collettiva, xornal da CGIL. 

"Barbarie planificada", declara a maxistrada

O asalto á sede da CGIL foi "unha barbarie planificada como mostra de desafío ás institucións nunha acción de 'desfiguración' dos principios democráticos, destinada a socavar a seguridade pública da vida civil" e prolongouse até que "as forzas da orde ─reforzadas en número─ puideron recuperar o control da situación e afastar os alborotadores". É a conclusión da xuíza Annalisa Marzano, que, tras interrogalos, ditou a prisión para Giuliano Castellino e Roberto Fiore, dirixentes de Forza Nuova; Luigi Aronica, ex militante de Nuclei Armati Rivoluzionari (NAR, grupo armado neofascista activo durante os Anos de Chumbo); Pamela Test, militante de extrema dereita; Biagio Passaro do movemento anti-clausuras na hostalería IoApro; e Salvatore Lubrano, por delitos que van desde estragos até saqueo, pasando por incitación á violencia, reunión sediciosa e asalto de morada.

Comentarios