Sardeña, o campo de tiro da OTAN

A OTAN, mais non só. Desde hai décadas a illa sarda converteuse nun campo de probas para Exércitos de todo o mundo. Alén da ocupación do territorio, algunhas das armas utilizadas provocaron graves enfermidades nos seus habitantes. As protestas antimilitaristas son habituais, mais o beneficio para Italia é demasiado grande.
Madri_Contro_la_repressione
photo_camera Ilustración identificativa utilizada en Facebook pola asociación de nais Madri contro la Repressione (Foto: Madri contro la Repressione)

Haberá máis concentracións. Serán cada quinta feira diante dos xulgados de Casteddu (Cagliari, en italiano), a capital de Sardeña. Esta illa do Mediterráneo baixo soberanía italiana é coñecida pola súa riqueza natural e fermosos areais. Aquí se sitúa a famosa Villa Certosa, a mansión do ex primeiro italiano Silvio Berlusconi. Porén, a pouco máis de 200 quilómetros ao sur localízase un dos lugares máis sombríos do país e de toda Europa: Salto di Quirra, o maior campo militar dentro da UE.

É aquí que comeza todo. A mobilización contra a militarización da illa levou as autoridades italianas a lanzar a Operación Lince en 2014. Como resultado daquel operativo e tras unha investigación fechada en setembro de 2019, a Fiscalía de Casteddu imputou 45 mozos sardos. Cinco afrontan cargos de "asociación delitiva con fins terroristas", o resto de "danos" e "resistencia". Na quinta feira, coincidindo co inicio da audiencia previa, foi a primeira das concentracións que virán.

Protagonizárona as Madri contro la Repressione e l'Operazione Lince, a asociación de nais dos 45 mozos imputados, reunidas "para reiterar a nosa firme oposición a unha campaña denigrante e criminalizadora" pola súa loita "contra a produción de armas, contra as bases e campos militares dos que a nosa terra está chea, e contra o uso de Sardeña como unha plataforma desde a que levar a guerra ao resto do mundo".

Exércitos de todo o mundo

En efecto, os 45 afrontan un xuízo baseado en actos de protesta contra a militarización da illa. Algúns datos oficiais: as bases ocupan 350 hectáreas de territorio sardo, en tanto que no resto de Italia son tan só 250; 65% dos terreos militares italianos concéntranse en Sardeña; e 80% de todas as bombas probadas en Italia detónanse en campos sardos. O de Salto di Quirra é o máis simbólico.

"O Campo de Forzas Conxuntas de Salto di Quirra [...] estabeleceuse en 1956 coa tarefa específica de experimentar con novos sistemas de armas. Mais non é un campo só para as forzas armadas italianas. Aquí veñen adestrar israelís, turcos, alemáns, ingleses, países da OTAN mais tamén países do Leste e, no pasado, mesmo os libios de [o ex presidente Muamar al] Gadafi", apuntaba unha investigación publicada o 20 de marzo de 2013 no xornal italiano La Repubblica.

Segundo consta nunha pregunta no Senado de 29 de xuño de 2017, Italia cobra 50 mil euros á hora polo alugueiro deste e doutros terreos a exércitos e empresas privadas de todo o mundo. Contra estas instalacións que inzan a illa, territorio que conta con indicadores económicos por baixo da media estatal, é que se mobiliza habitualmente a sociedade civil sarda ─de diversa cor política─ baixo o paraugas de A Foras ("Para fóra").

Constituída oficialmente en xuño de 2016 "contra a ocupación militar de Sardeña", foi a partir do 13 de setembro de 2014 que esta asemblea colleu forza. Aquel día produciuse unha manifestación multitudinaria en Capo Frasca para protestar contra esta instalación militar e polo incendio provocado pola Forza Aérea Alemá durante uns exercicios. A protesta, como outras posteriores, foi fortemente reprimida.

Salto di Quirra, Capo Frasca... e Teulada. Este último campo foi escenario no outono de 2016 da Operación Trident, o maior exercicio militar da OTAN até esa data desde a súa fundación en 1949, e o maior en Europa desde a Segunda Guerra Mundial.

Os obxectivos de A Foras, segundo apuntan na súa páxina web, son "a paralización dos exercicios, o completo desmantelamento dos campos militares, a compensación ás poboacións por parte de quen contaminou e a recuperación dos territorios danados".

Cancro e malformacións

Porque o grave envelenamento, documentado, é outro punto chave das mobilizacións da sociedade civil sarda e, nomeadamente, dos 45 mozos imputados. Son numerosos os casos de leucemia e outros tipos de cancro, así como malformacións entre cativos nacidos a finais da década de 1980 nas zonas onde se sitúan os campos.

O torio radioactivo de miles de mísiles antitanques alí probados ─con destrución de pequenos illotes incluída─ e o uranio empobrecido usado na munición perforadora de blindaxe serían os culpábeis. Como consecuencia, en 2013 abriuse un proceso xudicial contra varios altos mandos do Exército italiano. Tras varias suspensións, retomouse hai un mes baixo risco de prescrición das acusacións, informou L'Unione Sarda. As bases seguen operativas.

Nunha carta aberta, afirman as nais dos 45 antimilitaristas xulgados: "Fomos quen os trouxemos ao mundo, fomos quen os criamos coas ideas e os soños dun mundo sen guerras, dun mundo sen o horror das armas. Transmitímoslles amor e respecto pola terra onde nacemos por casualidade. Por iso estivemos e estamos sempre presentes con eles nas loitas contra a explotación e a devastación desta terra, ao carón de todos os pobos que loitan polas mesmas ideas". 

Comentarios